Manu Chao volta a Ourense para actuar en Reperkusión

Manu Chao estará no Festival Reperkusión 2014. O artista franco-galego, un dos músicos máis populares, voltará un ano máis á Cidade dos Muchachos de Benposta (Ourense), onde se celebra a 12ª edición de Reperkusión os días 11, 12 e 13 de xullo.

Será o cabeza de cartel da xornada do sábado 12 de xullo, na que tamén soarán o techno swing nacido en Berlín dos "Dirty Honkers", o ska afro reggae e rumba fresca das rúas de Barcelona a través de "Dani Lança", o garage-punk desenfadado dos "Terbutalina" e a selección de ritmos globais para bailar sen descanso de "Hadri H+Friends".

A noite antes, o venres 11, será a rumba rockeira de "Muchachito y sus compadres", a elegante mestura de drum & bass e world music dos "N.O.A.H", a enerxía dos ritmos do mundo de "Kimbala", a percusión o movemento e a comedia visual de "Crassh", os ritmos frenéticos de "Cuchufellos" e os grooves de gran formato de "Funkombo", os que poñan o público do festival ourensán a bailar.

As entradas

As entradas están á venda na web entradas.reperkusion.com cunha oferta especial, ata o 15 de maio, de 15 euros máis gastos de xestión a entrada dun día e 20 euros máis gastos o abono de tres días. O acceso á zona de acampada custa 5 euros máis. A partires da vindeira semana tamén estarán á venda as entradas físicas en puntos de venda en toda Galicia.

Te puede interesar