Un galego, viral cun vídeo sobre como crear un instrumento coa folla dun loureiro

Luis do Río amosa como crear un cantagalos. CEDIDA
photo_camera Luis do Río amosa como crear un cantagalos. CEDIDA
Un mozo de Santiago de Compostela, Luis do Río, acadou máis de 11.000 "gústames" en poucos días da forma máis insospeitada: cun vídeo sobre como elaborar un pequeno instrumento musical, o cantagalos, cunha folla de loureiro

Luis do Río é un mozo de Santiago de Compostela que acaba de facerse viral da forma máis insospeitada: cun vídeo breve no que amosa como converter unha folla de loureiro nun cantagalos, pequeno e improvisado instrumento musical. En só uns días, acadou máis de 11.000 "gústames" e de 200.000 reproducións na rede social Instagram. 

O propio Do Río valora que "chegar a estes números falando e subtitulando en galego fai ver que é posible abrirse a este novo público e este novo mundo das redes na nosa lingua".

Non é nin moito menos a súa primeira publicación reivindicando a tradición e a cultura galegas, pero, como reflexiona o mozo, no mundo de hoxe "xérase unha dinámica na que perdes a capacidade de prestar atención", polo que resulta más difícil lograr repercusión con contidos máis extensos.

Extraeu a idea para este vídeo dun libro de instrumentos e xogos típicos, obra de Pablo Carpintero. Curiosamente, tamén os seus avós empregaban de nenos este instrumento, pero era para eles era algo cotián ao que non lle daban importancia.

 

"Non inventas un acorde, nin o amor, non inventas nada"

Despois de lograr este pequeno éxito, Luis do Río reflexiona así sobre que é a cultura. Pregunteulle sobre un libro ou unha obra de referencia na cultura galega, e el respostou: "Non creo que haxa un manual en concreto, senón que a cultura se constrúe a partir do conxunto de individuos que aportan cousas, e hai autores clásicos excelentes, pero non creo que se poida dicir onde comeza e onde termina a nosa cultura. A miña idea da cultura é cíclica e colectiva, porque non inventas un acorde, nin o amor, nin inventas nada. Teño aprezo por tódolos compañeiros que crean e se moven con honestidade, pero non creo nun manual pechado".

A súa paixón pola cultura, a lingua e a tradición galegas non vén de agora. De feito, a pesar da súa xuventude xa participou en diferentes publicacións como a revista Terra de Outes ou o anuario da asociación cultural Barbantia, e colaborou coa documentación do enigmático busto de Sabardes.

O busto de Sabardes. CEDIDA
O busto de Sabardes. CEDIDA

Sobre o auxe e caída do chapeu

Ademais, Luis do Río é membro da asociación A Rula en defensa do patrimonio rupestre de Santiago de Compostela e a súa bisbarra e, neste intre, mentres oposita, aprende a tocar o piano e a gaita e ten un libro pendente de publicar cos compañeiros de Terra de Outes sobre os chapeus sancosmeiros típicos de Noia. A historia deste accesorio tamén protagoniza outro dos seús vídeos breves.

 

"O chapeu é unha peza que se facía de palla de centeo ou de trigo, de todos os cereais, porque todos se aproveitaban. Era un caso coma o do porco, que se aproveitaba todo, porque facía falta. A palla utilizábase para os teitos dos tellados, para a roupa... E o chapeu empregouse moito durante o século XX, ata o momento no que a xente xa tiña diñeiro e xa non se sementaba coma antes, polo que non tiña sentido adicar 30 horas a preparar o chapeu cando xa che daban unha gorra gratis. É o contexto económico e social o que fai que algo sexa típico", reflexiona.

Ademais, o mozo santiagués comezou O Papaventos, un podcast no que comezou narrando contos de temática sinistra, e logo pasou a tratar historias de todo tipo, tanto propias como tradicionais galegas.

Lendas de serpes que rouban o leite dos nenos

Outra das súas publicacións de Instagram céntrase nunha curiosa lenda extendida por Galicia e diversos puntos de Europa. "En Italia, cóntase desde o século III que hai unha serpe que lle chupa o leite ás vacas ata que as extenúa e vai a outro sitio"

"O meu avó (oriúndo de Loureiros, Covas, Ames, e nacido no ano 1935), rememora dúas historias que escoitara na súa infancia. A primeira delas, resulta moi interesante xa que personifica un mito ancestral que se comparte con outros pobos do mundo: a paixón das serpes polo leite. Esta idea maniféstase de diferentes maneiras, pero é un punto de conexión entre, por exemplo, as ofrendas feitas ás nagas da India, os dard do municipio francés de Vienne, ou os vishaps armenios", engade Luis do Río na súa publicación.

"Na nosa tradición é recorrente a idea de que estes seres se alimentan do leite da nai, tapándolle a boca ao neno co rabo para que non chore. Tamén son frecuentes os relatos nos que se alimentan do leite das vacas", sostén.

Te puede interesar