Manzaneda presenta o seu programa de Nadal

O pequeno concello ourensán de Manzaneda pechaba onte a súa programación de Nadal, e os actos comezarán o vindeiro 23 de decembro. Serán unhas festas nas que non faltará a música nin as tradicións da man de varias agrupacións do concello e onde a ilusión e o ocio dos máis pequenos estará ben presente.

O grupo de acordeóns da escola de música municipal “Airiños da Porta Falsa” será o encargado de abrir este Nadal co seu concerto o venres 23, ás 18,00 horas, no centro de día da vila. Na tarde do 27 chega un dos momentos máis esperados polos cativos, a visita do Pandigueiro, e nesa mesma tarde, os grupos de música e baile tradicional da vila ofrecerán o seu concerto. A cita é as 17,30 no centro de día.

A música é a protagonista e o encargado de comezar o ano será o coro “Voces de San Martiño”, que chegará coas súas melodías ás 18,00 horas do día 4 ao centro de día.

Do 2 ao 4 de xaneiro, os máis cativos terán as súas tardes de festa no pavillón, de 16,00 a 20,00 horas cos inchables. E a cabalgata de reis, na tarde do día 5, poñe fin a programación. 

Te puede interesar