Os arqueólogos do Campus de Ourense escavan un xacemento en Ons

Arqueólogos da Facultade de Historia, durante os traballos de investigación na illa de Ons.
photo_camera Arqueólogos da Facultade de Historia, durante os traballos de investigación na illa de Ons.
Os restos dixitalizaranse e os materiais serán procesados nun laboratorio do edificio da Auga

Un equipo dirixido por Adolfo Fernández, arqueólogo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) do Campus de Ourense, desenvolve unha intervención arqueolóxica de limpeza, rexistro e sondaxes na factoría romana de salga da praia Canexol, na illa de Ons. A actuación, prevista ata o próximo día 9, conta co apoio do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e inscríbese dentro do proxecto de investigación "Galtfish", que ten como obxectivo o estudo da explotación dos recursos mariños na costa galega en época romana.

"O obxectivo principal é investigar estes restos arqueolóxicos e aumentar o noso coñecemento sobre eles no marco dun estudo global sobre a produción de salgas de peixe en época romana", señala Fernández. O equipo, que xurde da Facultade de Historia de Ourense, apunta que o xacemento romano de Canexol, descuberto recentemente e nunca antes intervido, esténdese por todo o cantil da praia da illa de Ons, uns 100 metros, destacando a presenza de dous píos ou depósitos de salgadura parcialmente destruídos. "A entidade dos restos e a súa amplitude fannos pensar que ademais da fábrica de salgadura poderían existir outras edificacións anexas que puideron servir de zona habitacional, sen descartar que o castro ou Castelo dos Mouros, situado a poucos metros do xacemento, fose o lugar onde habitaron as persoas que traballaban nesta unidade fabril", din os arqueólogos.

 Na intervención, van rexistrar dixitalmente todos os restos arqueolóxicos visibles no cantil da praia e que están sendo moi afectados pola erosión mariña. "O obxectivo é monitorizalos para poder medir e avaliar a progresión da afectación dos restos ao longo do tempo para tomar medidas protectoras de ser necesario", di Fernández. En segundo lugar, realizarán varias sondaxes arqueolóxicas co obxectivo de recuperar datos da fábrica e delimitar o xacemento para poder "protexelo, intervilo e musealizalo no futuro".

A UVigo conta co apoio de persoal do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Posteriormente, a información e materiais arqueolóxicos serán procesados no laboratorio do GEAAT no edificio do Campus Auga. 

Te puede interesar