A Deputación de Ourense comprométese coa autonomía da Escola de Enfermería

Menor (no centro), coa comitiva da Escola de Enfermería.
photo_camera Menor (no centro), coa comitiva da Escola de Enfermería.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, di que serán “absolutamente reivindicativos” para garantir o futuro de Enfermería

 O presidente da Deputación, Luis Menor, comprometeuse onte a ser “absolutamente reivindicativos” dende a institución provincial coa Escola de Enfermería, “tanto para o futuro do propio centro como para as condicións laborais do seu persoal”.

Menor recibiu onte á directora da Escola, María Milagros Fernández, xunto a membros do equipo directivo deste centro a ao responsable da Plataforma Pro Campus, Claudio Cerdeiriña. No encontro puxéronse de relevo o histórico labor que leva realizado o centro. A Escola corre risco ante unha posible centralización en Pontevedra, aínda que o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, prometeu a semana pasada que as sedes de Enfermería -Ourense, Vigo e Pontevedra- estarán “en pé de igualdade”.

Precisamente, Menor sostivo que “dende a Deputación, estamos totalmente en contra, apoiamos que o decanato sexa en pé de igualdade e que Ourense teña o que lle corresponde”. O presidente provincial reiterou que serán reivindicativos coa materia para garantir a viabilidade do centro e o futuro do persoal, “que desempeña o seu labor dentro da máxima excelencia e profesionalidade”.

Ademais, Menor subliñou que “trasladaremos as peticións diante da Dirección Xeral de Universidades da Xunta de Galicia”. Aínda que “xa están en vía de solución”, dixo, “trataremos de melloralas para rematar coas incertezas”

Pola súa banda, a directora da Escola de Enfermería agradeceu a Menor a “afabilidade” e tamén a “boa predisposición cara esta causa que é de Ourense”.

A Escola de Enfermería é un centro adscrito á Consellería de Sanidade. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), o organismo independente que supervisa o futuro das titulacións na comunidade, leva tempo alertando das dificultades que presenta este modelo. Este ano, a UVigo comezou as xestións para conseguir o título de Enfermería de pleno dereito e non depender da consellería.

Nun principio falouse dunha facultade única, repartida en tres sedes en Ourense, Vigo e Pontevedra. Así e todo, nesta última urbe reivindican centralizar a facultade co apoio do Concello e da Deputación pontevedresa. Isto suscitou temores na sociedade civil ourensá, xa que podería limitar o crecemento da área de Saúde do Campus.

Así e todo, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, pronunciouse a este diario negando a posibilidade de centralizar a sede: “Non entendemos que vaia haber unha sede única, senón unha sede distribuída”, algo polo que tamén avoga a memoria de creación do título, xa que aposta pola sede descentralizada.

Te puede interesar