Universidad

Tres catedráticos homenaxean ó profesor Carvalho Calero

Universidad

Cultura

Tres catedráticos homenaxean ó profesor Carvalho Calero

A pandemia provocada polo coronavirus fixo que este ano o Día das Letras Galegas non puidese desenvolverse como en edicións anteriores, pero o Campus non quere deixar de conmemorar esta efeméride e, por iso, celebrará o xoves 26 de novembro un acto no que tres catedráticos da UVigo, María Victoria Carballo-Calero, Jesús de Juana e María do Carmo Henríquez, falarán desde diferentes perspectivas sobre o homenaxeado este ano, o profesor e primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas Ricardo Carvalho Calero. O acto, non aberto ao público, retransmitirase en directo a través da UVigo TV.  

A homenaxe levará por título "O professor Carvalho Calero antes, agora e sempre". A idea deste recoñecemento, segundo explica o responsable de Actividades Culturais, Filemón Rivas, "é xuntar a tres catedráticos da universidade que dalgún xeito están vinculados co homenaxeado para falar del". Así, Jesús de Juana, catedrático emérito de Historia Contemporánea, abordará a vertente histórica do profesor ferrolán; María do Carmo Henríquez, catedrática xa xubilada de Lingua Española e alumna de Carvalho Calero, centrarase na vertente lingüística, e María Victoria-Carballo Calero, catedrática emérita de Historia da Arte Contemporánea e filla do homenaxeado, achegarase á súa vertente humana.