Literatura

O ciclo de literatura xuvenil volve este curso “sen tabús"

Unha das ponencias do pasado curso no Campus de Ourense.
photo_camera Unha das ponencias do pasado curso no Campus de Ourense.
Autoras como Fina Casalderrey ou María Canosa estarán nas conferencias deste curso 2020-21

A sexta edición do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil que cada ano se celebra no campus de Ourense xa ten data e programación. Nesta ocasión desenvolverase do 7 de outubro ó 4 de novembro co lema "Sen tabús: ler para pensar" e nela participarán os escritores Fina Casalderrey, An Alfaya, Xavier Estévez, María Canosa e o ilustrador Marcos Viso. Debido á pandemia, as conferencias pasan do formato presencial ao virtual.

Esta iniciativa está coordinada pola profesora da UVigo Isabel Mociño e conta coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Facultade de Educación e Traballo Social e a Vicerreitoría do Campus de Ourense. "Empezamos coa sexta edición e ao igual que en anos anteriores programamos facer unha sesión semanal", explica Isabel Mociño. As sesións, apunta, "serán nesta ocasión virtuais atendendo á situación da pandemia e as posibilidades de espazos dispoñibles para o aforo que necesitabamos en caso de facelas presenciais". A pesar dos condicionantes provocados polo coronavirus, sinala, "a idea é manter a cita, aínda que sexa nun formato diferente, e seguir dándolle ao alumnado a oportunidade de encontrarse con autores e autoras de referencia".

Os obxectivos do ciclo, lembra Isabel Mociño, continúan sendo os mesmos: visibilizar a produción literaria e a autores e autoras para o público máis novo desde unha perspectiva dinámica; abrir novas vías e temáticas para complementar a visión arredor do sistema literario e darlle a oportunidade a futuros mestres e mestras de coñecer de primeira man a produción de autores e  autoras sobre os que traballarán cando exerzan. Nesta edición, apunta, afondarase nos tabús, como poden ser a morte ou a enfermidade. "Ultimamente obsérvase que hai demasiada literatura politicamente correcta. Hai como unha dulcificación de temáticas como poden ser a morte nesta tendencia a termos á infancia superprotexida, case nunha burbulla distanciada da realidade", comenta a coordinadora da iniciativa. Nun momento histórico coma o actual, recalca, "onde os nenos e nenas tamén son conscientes do que é a morte, a perda ou incluso a falta da liberdade á que estabamos acostumados, a lectura, a literatura estanos dando respostas a como enfrontarnos á perda. En malos tempo ou tempos complicados coma estes, a lectura é máis necesaria ca nunca", comenta Isabel Mociño.

Fina Casalderrey será a encargada de inaugurar a edición deste ano o 7 de outubro coa intervención "Fórmula máxica para derrubar valos".

Te puede interesar