Universidad

O Comité Olímpico Español recoñece a Tania Álvarez

Universidad

UNIVERSIDAD

O Comité Olímpico Español recoñece a Tania Álvarez

Tania Álvarez, coa medalla.
photo_camera Tania Álvarez, coa medalla.

Compaxina o seu labor como investigadora, centrado en analizar o perfil neuromuscular dos e as piragüístas de elite, coa súa propia traxectoria deportiva nesta disciplina

Alumna de doutoramento da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Tania Álvarez compaxina o seu labor como investigadora, centrado en analizar o perfil neuromuscular dos e as piragüístas de elite, coa súa propia traxectoria deportiva nesta disciplina.

O pasado mes de setembro, Álvarez Yates lograba na localidade portuguesa de Vila Verde o seu maior logro deportivo ata a data, a medalla de bronce que, xunto a Tania Fernández, acadaba na modalidade de K2 do Campionato do Mundo de Maratón, modalidade na que as e os deportistas compiten nun percorrido de 26,2 quilómetros. Un éxito que esta fin de semana levouna a recibir a medalla do Comité Olímpico Español (COE), no marco da 71 edición da gala da Real Federación Española de Piragüismo, celebrada nas instalacións do COE en Madrid. 

“Á verdade é que é toda unha honra que che dean este recoñecemento, á fin e ao cabo, o COE é a máxima institución deportiva”, salienta esta alumna e deportista tras recibir un galardón, lembra, “que só cho outorgan se obtés unha medala nun campionato do mundo en categoría absoluta”. Este foi un mérito que Álvarez Yates alcanzaba o pasado mes de setembro, nunha tempada na que, antes dese bronce no mundial, Álvarez remataba xunto a Fernández no cuarto lugar no Campionato de Europa de Maratón, celebrado en Croacia. Pese a todo, a deportista do CMCD Breogán do Grove recoñeceu a sorpresa que lle produciu a comunicación de que lle concederan unha medalla que “non agardaba para nada”, e que serve como colofón a un ano, o 2018, “que foi sen dúbida o mellor, tanto deportiva como academicamente”.

Más en Universidad