Descobren unha factoría de salgadura romana en Sálvora

Un dos investigadores do Campus, durante a intervención en Sálvora.
photo_camera Un dos investigadores do Campus, durante a intervención en Sálvora.
Investigadores do Campus de Ourense completan a primeira escavación arqueolóxica na illa arousá

Un grupo de investigadores do Campus de Ourense vén de culminar a primeira escavación arqueolóxica na illa de Sálvora, situada na boca da ría de Arousa, na que veñen de comprobar a existencia de vestixios romanos. O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo vén de realizar a primeira intervención nesa illa, que permitiu “descubrir un importante xacemento romano” que posiblemente corresponda cunha factoría de salgadura de peixe, unha industria produtiva de peixe moi apreciada por aquela civilización e que permitiu ao longo da costa galega transformar a abundancia de peixe nunhas das grandes industrias alimentares. 

Os froitos da escavación forman parte da colaboración existente entre a institución académica e o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Esta colaboración ten permitido ao Geaat escavar e investigar desde o ano 2021 na illa de Ons dous importantes xacementos de época romana. Nesta ocasión, contouse co apoio e a colaboración do Organismo Autónomo Parques Nacionales. O obxectivo da intervención en Sálvora, na que participou un equipo de catro membros do Geaat, foi o de “afondar no coñecemento sobre a ocupación humana antiga desta illa, a máis norteña das que conforman o parque e poder confrontar os datos cos recollidos nas actuacións na illa de Ons”.

O proxecto, explica o seu director, o profesor da Facultade de Historia do Campus de Ourense Adolfo Fernández, incluía a realización dunha sondaxe valorativa no Areal dos Bois e levouse a cabo logo de que nese lugar se descubrisen, hai algúns anos, materiais arqueolóxicos en superficie, o que se interpretou coa presenza alí dun xacemento romano, sen saber exactamente as súas dimensións e características.

Durante o 2021, arqueólogos deste grupo desprazáronse ata Sálvora para realizar unha prospección arqueolóxica, o que propiciou a recolla de novos materiais romanos en superficie no Areal dos Bois. Eses indicios levaron a promover o proxecto desenvolvido agora para caracterizar os posibles restos agochados baixo a duna mediante a realización dunha sondaxe valorativa. A intervención, realizada durante o mes de abril, deu “os seus froitos ao descubrir que baixo a duna atópase protexida unha estrutura de época romana”. 

UNHA HIPÓTESE QUE PRECISA MÁIS SONDAXES

O equipo do Campus de Ourense localizou un muro de contención que nivelaba o terreo nunha zona por onde descorría un antigo regato. Nesta zona, fóra do edificio romano, localizaron “un vertedoiro fragmentos cerámicos, ósos de animais, cunchas, un coitelo de ferro e unha fibela de bronce”. Todo, “tirado ao lixo polos habitantes romanos de Sálvora”, será estudado no Laboratorio do Geaat no Campus.

Ademais, na sondaxe recuperáronse fragmentos de morteiro hidráulico formado por cal e coios que era utilizado habitualmente como revestimento dos píos de salga. Este tipo de morteiro é o utilizado nas fábricas romanas de Adro Vello (O Grove), en Sobreira (Vigo), en O Naso (A Illa) ou Canexol (Ons). “Por iso, cremos que o que se atopa baixo a duna sur do Areal do Bois é moi posiblemente unha nova factoría de salgadura de peixe de época romana”, comenta Fernández. A súa localización, nun lateral da praia a certa distancia do mar e ao carón dun regato de auga doce cumpre “cos parámetros que temos observado na localización doutras fábricas semellantes, pero serán necesarias novas sondaxes”.

Te puede interesar