UNIVERSIDAD

GCode Robotics estréase con dous premios no AstiChallenge

O equipo da Universidade de vigo acadou o premio ao mellor robot na loita de duelo e o premio ao equipo de maior social media

"Non nos esperabamos gañar”, asegura David Fernández, un dos cinco integrantes do equipo GCode Robotics, que acadou en Burgos dous premios no desafío de robótica móbil colaborativa ASTIChallenge 2019. Os estudantes da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo enfrontáronse a 14 equipos de universidades e centros de FP superior de toda España na final, e acadaron o premio ao mellor robot na loita de duelo e o premio ao equipo de maior social media con Bumblebee, un pequeno robot baseado en tecnoloxía open-source.

A vitoria do equipo vigués na categoría de mellor robot na loita de duelo non estivo exenta de dificultades. “A xornada empezou mal por mor dun algoritmo na proba da varredora autónoma", detalla David Fernández, que explica que as cousas cambiaron nos seguintes retos, nos que “o programa funcionou bastante ben, tanto no labirinto como no tiro de bolos, que non nos funcionaba e tivemos que case programalo no medio da competición”. O grande éxito do equipo chegou na proba de loita de sumo, na que foron quen, non só de vencer ao gañador do premio absoluto do ASTIChallenge 2019, senón tamén de permanecer invictos, sen que ninguén lles gañase ningún asalto.

No caso da proba da “mini-fábrica”, unha das máis complicadas, David Fernández explica que “non nos funcionou, pero fomos pioneiros por intentalo de forma autónoma, algo que non intenta case ninguén e iso que nós chegamos á competición en decembro, cando xa comezara en setembro”. Desde finais do ano pasado, os integrantes GCode Robotics traballaron no desenvolvemento dun robot baseado en tecnoloxía open-source, polo que publicarán o código usado e os deseños 3D na plataforma GitHub.

Te puede interesar