Universidad

Interrumpido o certame de creación literaria de primavera

Universidad

Literatura

Interrumpido o certame de creación literaria de primavera

A entrega de propostas de poesía, relato e traducción retomarase coa volta das clases

A Universidade de Vigo, a través da Área de Normalización Lingüística vén de interromper ata novo aviso o prazo de admisión de traballos para os premios de poesía, relato curto e traducción literaria, que estaba previsto que rematara hoxe, día 3, o seu prazo. A entrega de propostas retomarase cando volva a actividade lectiva á universidade, co obxectivo de que aqueles membros da UVigo que aínda non presentaran un traballo poidan facelo. Porén, aquelas persoas que xa presentaran os seus traballos non será necesario que volvan realizar o trámite.

O certame, que se celebra ao abeiro do convenio de colaboración vixente entre a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo para a promoción da lingua galega, repartirá un total de 3.600 euros entre os mellores traballos. Para isto, establecerase un premio de 700 euros e dous accésits de 250 por cada modalidade. Tanto na de poesía como na de relato curto e tradución poderán participar todos os membros da Universidade de Vigo. Non obstante, na modalidade de tradución literaria non poderá intervir o profesorado que imparta unha docencia relacionada. Finalmente, aqueles seleccionados como gañadores serán publicados nun volume que editará a Universidade de Vigo. 

Ademais de estar escritos en galego normativo, existen certas condicións para a realización e presentación dos orixinais, que poden consultarse na web da institución. Nas modalidades de poesía e relato curto, os traballos deberán ser orixinais, inéditos e de temática libre.No caso das poesías, comporanse de entre 100 e 150 versos, mentres que os relatos terán unha extensión de entre oito e 12 folios. Na modalidade de tradución literaria, o texto fonte será un texto literario en calquera idioma, cun mínimo de oito páxinas e un máximo de 20.