A oferta de doutoramento da UVigo amplíase con dous novos programas

Alumnos consultan o taboleiro da Escola Internacional de Doutoramento.
photo_camera Alumnos consultan o taboleiro da Escola Internacional de Doutoramento.
A institución viguesa engade no curso 22/23 os títulos de Ciencias sociais e envellecemento e Matemáticas e aplicacións

Os programas de doutoramento (PD) en Ciencias sociais e envellecemento e en Matemáticas e aplicacións son as novidades que a Universidade de Vigo incorpora á súa oferta de doutoramento para o curso 2022/2023, no que a institución académica viguesa impartirá un total de 40 titulacións. 

Con 36 prazas ofertadas, das que catro corresponden á UVigo, o Programa de doutoramento en ciencias sociais e envellecemento é unha titulación impartida, ademais de pola de Vigo, polas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Tras-os-Montes e Alto Douro e a Universidade do Porto. Ao longo de tres anos, o programa ofreceralle ao alumnado un espazo de formación avanzada no ámbito dos estudos sobre o envellecemento demográfico e a lonxevidade a través da lente científica das ciencias sociais. Cunha perspectiva multidisciplinaria, o título centra o seu enfoque nas complementariedades asumidas como fundamentais para a comprensión dun fenómeno multidimensional como o envellecemento demográfico e a lonxevidade.

Pola súa banda, o Programa de doutoramento en matemáticas e aplicacións oferta 30 prazas, das que catro corresponden á UVigo e as restantes ás universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Tras-os-Montes e Alto Douro, Minho e Porto. Durante os seis semestres que dura a formación, o alumnado poderá adquirir competencias específicas na área das matemáticas: desenvolvemento de técnicas, linguaxes e ferramentas teóricas e/ou computacionais adecuadas para resolver problemas; afondamento das técnicas xerais e un enfoque autónomo dos problemas matemáticos; modelización e resolución innovadoras de fenómenos científicos no ámbito das matemáticas e as súas aplicacións.

O primeiro prazo de preinscrición para acceder a algunha das 544 prazas ofertadas polos 40 programas de doutoramento da UVigo no curso 2022/2023 está fixado entre o 1 e o 9 de setembro, mentres que o período de matrícula abrangue do 1 ao 7 de outubro. A formación de doutoramento, o máis alto grao académico ofrecido polas universidades, e a única que permite adquirir plena competencia para a investigación, é un aposta estratéxica da UVigo, que lle achega ao seu alumnado unha oferta equilibrada que cobre os distintos ámbitos de coñecemento. 

Te puede interesar