Universidad

Unha publicación realza o papel do turismo na economía estatal

Universidad

Unha publicación realza o papel do turismo na economía estatal

Os profesores do campus de ourense José Antonio Fraiz e Noelia Araújo son os seus coordinadores

Anualmente, a Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (Aecit) pon en cifras a actividade turística en España cun informe no que participa un amplo abano de especialistas. O seu último número, correspondente a 2018, acaba de ser publicado baixo a coordinación dos profesores da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense José Antonio Fraiz e Noelia Araújo. Nel poñen debullan a evolución dun sector “clave” da economía estatal.

O libro, que leva por título "La actividad turística española 2018", foi presentado recentemente pola entidade patrocinadora e os seus coordinadores en Fitur. No libro, “faise un percorrido polos aspectos máis relevantes que caracterizan a evolución do sector turístico ao longo de 2018”. Segundo detallan os profesores da Universidade de Vigo, esta publicación, que acada o seu número 25, é “un referente dentro da investigación turística en España, pois achega unha visión global da actividade turística co máximo rigor técnico e científico”.

Na elaboración dos contidos da publicación participaron arredor de 61 especialistas pertencentes a Aecit, asociación investigadora e profesional que agrupa a 250 socios relacionados co sector do turismo, desde empresas e universidades ata institucións e consultoras. Os contidos do libro, indican os seus coordinadores, estrutúranse en cinco bloques, que abranguen a conxuntura económica, a xestión pública, a evolución turística en cada comunidade e cidade autónoma, as tipoloxías turísticas e un dicionario de conceptos actualizado. Entre as conclusións xerais, os responsables do informe apuntan como “o turismo segue participando amplamente do PIB español, máis dun 11%, segue a ser un sector clave” e como España é “un país récord na chegada de turistas internacionais, máis de 80 millóns”.