Reigosa promete máis títulos e o edificio para Aeronáutica

photo_camera O único candidato a reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, comezou a súa campaña electoral para optar á reelección nas eleccións do vindeiro 4 de maio.
A infraestrutura ourensá será “prioridade” para o candidato a revalidar a reitoría o próximo 4 de maio

O único candidato a reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, celebrou onte un acto da súa campaña electoral no Campus de Ourense, onde resolveu as dúbidas de alumnado, profesorado, investigadores e persoal de administración e servizos. “Quenda Aberta” foi o nome da cita onde estivo acompañado da aspirante a vicerreitora do Campus, Elena Rivo, e a xornalista de La Región, Elisabet Fernández, quen lembrou que, aínda que só haxa un candidato, Reigosa debe conseguir o apoio da comunidade universitaria para ser reelexido no cargo o próximo 4 de maio.

As principais propostas que Reigosa leva no seu programa para o Campus de Ourense fan referencia ás infraestruturas e ás titulacións. No primeiro ámbito, o candidato asegurou que “a primeira aposta en infraestruturas será un edificio para o grao e o mestrado de Aeronáutica”, dentro dunha estratexia na que acometer este tipo de inversións “non comprometerá os presupostos da institución”, xa que estarán financiados pola Xunta. Ademais, tamén está contemplado no programa electoral a ampliación do Campus de Ourense. Xa máis a longo prazo, desexou que “Informática non tarde tanto en ter un edificio de seu coma Aeronáutica”. Pola outra banda, Reigosa indicou que a implantación de dous novos graos para o vindeiro curso está “moi encamiñada”. Estas novas titulacións serán Intelixencia Artificial e Relacións Internacionais, ás que se sumarán “máis titulacións nos próximos anos que farán de Ourense un campus máis completo”, aínda que eludiu mencionar cales ten en mente para as próximas negociacións coa Xunta.

Reigosa gabou o novo Plan de Financiamento, asegurando que era “moito mellor que os anteriores” e subliñando que “é máis xeneroso e marca unha senda de crecemento se as cousas se fan ben”. Aproveitou o aspirante a reitor para presumir tamén dunha das iniciativas nas que a UVigo é pioneira como é a sostibilidade. Fixo fincapé en que o modelo implantado en Ourense, combinando aerotermia e xeotermia, está dando moi bos resultados e que incluso están a traballar en crear unha “unidade didáctica” para que “calquera poida coñecer o funcionamento deste sistema”. Recordou tamén que estas inversións están financiadas ao 80% pola Xunta, polo que tampouco supuxeron un grande desembolso por parte da institución. Neste senso, o próximo paso da UVigo será “crear unha comunidade enerxética dentro dos campus para beneficiarnos cada vez máis destas enerxías limpas”.

Reigosa lamentou unha vez máis non ter rival nestas eleccións “aínda que lle insistín a amigos meus para que se presentaran”, bromeou. Para pechar o acto, Reigosa fixo unha chamada á comunidade universitaria pedíndolles o seu apoio, baseándose en que, a pesar de pasar unha pandemia o pasado mandato, “fomos un equipo que, cos nosos erros, cumpriu meirande parte do que prometeu, o que nos convirte en persoas fiables para desenvolver este traballo e por iso, aínda que habitualmente non me guste pedilo, podo facelo con orgullo”. 

O galego, a internacionalización e a igualdade, eixos do programa

O programa electoral de Reigosa fundaméntase en tres eixos básicos: o galego, a internacionalización e a igualdade. No tocante á lingua e á cultura galegas, recordou que el foi un dos promotores dos graos que se imparten polo menos un 80% en galego, ao tempo que indicou que a universidade debe ser un “fervedoiro da cultura galega” para colocar á nosa cultura “no lugar que lle corresponde”. 

No caso da internacionalización, Reigosa indicou que a UVigo debe “captar talento fóra das nosas fronteiras”, algo que, coa situación demográfica actual, “non é bo, é imprescindible”. Así, o candidato púxose como meta facer que a universidade sexa un referente para os estudantes estranxeiros, facendo alusión a que “debe dárselle promoción ás nosas potencialidades, como que somos unha das 75 mellores univerisidades do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos”. Ademais, este plan de internacionalización tamén axudará a mellorar o nivel de inglés.

Con respecto á igualdade, o “proxecto estrela” de Reigosa é a docencia cero durante o ano seguinte á reincorporación tras a baixa de maternidade e a docencia ao 50% durante o ano seguinte para que as mulleres poidan recuperar o ritmo de produción nos seus campos de investigación. Ademais, tamén mencionou outro tipo de medidas como a implantación de ludotecas para períodos escolares non lectivos, facilitando así a conciliación laboral na institución. 

“O Campus Auga é un gran proxecto que acabará logrando a acreditación”

Malia ser un proxecto herdado, Reigosa destacou as “moitas virtudes” que ten o “coherente proxecto” do Campus Auga. Incidiu en que conseguirá “atraer fondos adicionais ao Campus, o que tamén atraerá máis talento e investigación, e, polo tanto, unha maior excelencia”. Con todo, prefire ser cauto en canto aos tempos da súa acreditación, incidindo en que “o importante non é que sexa o antes posible, senón que quede claro o que se vai facer nel”. Asegurou tamén que xa se reuniu co conselleiro para abordar este tema. 

A renovación do persoal docente, outra das principais prioridades

En canto ás políticas de persoal,  “o reto número un non podía ser outro que o relevo xeracional. Precisamos unha renovación tanto no PDI como no PAS”. Neste senso, apuntou algunha das propostas como a consecución dun máximo de 240 horas de dedicación docente, un plan de estímulo á xubilación, ou un adianto na saída de prazas. Do que máis se lamentou foi de non poder mudar a Relación de Postos de Traballo no primeiro mandato. Ademais, tamén mencionou que a iniciativa de soterrar a avenida Otero Pedrayo, “non é prioritario”.

Nova colaboración coa Deputación para potenciar o grao de Turismo

Se ben é certo que o alumnado matriculado no Campus medrou nos últimos anos, -“cando chegamos había catro títulos en perigo de extinción e neste momento están máis que salvados e fortalecidos”-, hai titulacións como Turismo que viven a tendencia contraria. Para remediar iso, a UVigo e a Deputación habilitarán “unha acción específica durante os próximos tres anos que consistirá nunha bolsa de entre 1.300 e 900 euros para os 45 primeiros novos matriculados en primeiro curso”.

Te puede interesar