Universidad

Unha tese analiza o papel do profesor-titor en Portugal

Carlos Miguel Ferreira Marinho, á dereita, cos membros do tribunal e o titor da tese.
photo_camera Carlos Miguel Ferreira Marinho, á dereita, cos membros do tribunal e o titor da tese.
O autor, Carlos Miguel Ferreira, salienta as dificultades que supoñen as tarefas burocráticas

O papel do profesorado-titor de aula en Portugal foi o tema escollido por Carlos Miguel Ferreira Marinho para a súa tese de doutoramento. Froito do seu achegamento á realidade desta figura en varios centros de Matosinhos (Porto), o docente destaca como "o profesorado-titor de aula parece vivir nunha realidade complexa na que esgota o seu tempo nunha multiplicidade de tarefas difusas, obrigatorias, de carácter burocrático, que ten asinadas no seu papel de intermedio. Dar cumprimento ao seu papel de estreitamento relacional coa familia do seu alumnado pode revelarse como unha tarefa cíclica e difícil de xustificar".

Baixo o título "O diretor de turma entre a escola burocrática e a lógica de aparência com a família", a tese foi presentada na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense baixo a dirección de Xosé Manuel Cid. "Un dos problemas prioritarios no sistema de ensino pasa por mellorar a relación entre a escola e a familia", explica o xa doutor pola UVigo, que lembra como "parece patente que o éxito educativo pasa inevitablemente por un estreitamento desta relación dual, que se pretende sólida entre os dous lugares máis importantes para o alumnado: a escola e a familia". A escola, engade Carlos Miguel Ferreira Marinho, "en canto organización ten que crear condicións para mellorar esta relación, e para iso ideou unha figura que cumpre o seu papel a través dun liderado intermedio, regulada por unha lexislación complexa e xeradora de problemas. Ese elemento escollido pola institución escolar é o profesorado-titor de aula".

No seu traballo investigador, o docente afondou dun xeito amplo na figura de profesorado-titor no sistema educativo luso, analizando desde as funcións de orde burocrática que limitan o seu papel ata os seus horarios e prioridades de dedicación. Metodoloxicamente, na tese empregou técnicas cualitativas (grupos de discusión e entrevistas) nas que participaron 47 docentes-titores de aula, pais, nais, membros do equipo de mediación integrada, directores de agrupamentos e coordinadores dos directores de grupo, todos eles pertencentes a dous agrupamentos de escolas da cidade de Matosinhos, en Porto. Ademais, na súa análise confluíu a súa traxectoria de 25 anos no ensino en distintas funcións, desde profesor de matemáticas ata profesor-titor de aula.

Neste contexto, apunta "a escola é de todos, ten que ser de todos e funcionar con todos e todos teñen que saber convivir, sexa para liderar ou para gozar do mellor que esta estrutura ten para darnos". Ante a pregunta de como acadar este obxectivo, indica o docente, "a resposta non será simple, mais terá que ser elaborada sempre en comunidade educativa", explica o autora da tese.

Te puede interesar