Últimos días para concursar no Día da muller na ciencia

O certame está dirixido a alumnos de primaria e eso nas categorías visual e literaria

O prazo para presentarse ao V Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, aberto á participación de alumnado de Primaria e ESO da provincia de Ourense, remata mañá, día 20. A iniciativa enmárcase dentro das accións que cada curso académico organizan a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense co gallo da celebración o día 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Os obxectivos deste certame, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, son promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e das súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia; establecer un certame que axude a que se visualice o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e que reflicta como son vistas pola sociedade, e chamar a atención do alumnado sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna. Pode participar neste concurso o alumnado de Educación Primaria e ESO matriculado en calquera centro educativo da provincia de Ourense.

O certame conta con dúas categorías, unha de Educación Primaria e outra de ESO, e dúas modalidades. A modalidade visual abrangue debuxos con calquera material e recursos como o son, o vídeo ou a fotografía para crear propostas artísticas. A peza presentada deberá ser unha obra inédita e orixinal. 

A modalidade literaria está destinada a traballos de aproximadamente 900 palabras e deberá ser unha obra inédita e orixinal, indicando desde a organización que non pode ser "un resumo do que xa está escrito na web". Os traballos poderán estar escritos en galego ou en castelán nos xéneros de poesía e narrativa.

Te puede interesar