Día das Letras Galegas

A Universidade homenaxea a figura de Carvalho-Calero

20200517194515327_resultado
photo_camera Participantes no acto de homenaxe a Carvalho-Calero no Día das Letras Galegas.
Expertos en lingua e literatura participaron nun acto retransmitido a través da canle audiovisual

A pesar do parón da actividade académica presencial, a Universidade de Vigo non quixo perder a ocasión de celebrar o Día das Letras Galegas dun xeito diferente. A través do Campus Remoto, o acto central da festividade xirou en torno á reflexión sobre a figura do filólogo e escritor homenaxeado no presente ano, Ricardo Carvalho Calero, a través das verbas da súa filla, a catedrática de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo, María Victoria Carballo-Calero, da profesora emérita da institución viguesa Camiño Noia, da ex-deputada e ex-profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro e da catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago Aurora Marco. A través das súas intervencións neste acto, retransmitido en directo a través de UVigoTV, púxose en valor a traxectoria e a produción científica e literaria "dun dos persoeiros máis importantes da cultura galega, da nosa lingua e da nosa literatura", como salientou o reitor, Manuel Reigosa, que despediu o acto desexando "mil primaveras máis para o galego".

Xunto á mesa de debate, moderada polo director da Área de Normalización Linguïstica, Fernando Ramallo, e centrada, como destacou, nesta figura "poliédrica e así mesmo coherente e consistente cos seus principios e valores", o acto conducido pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, completouse coa presentación da nova colección do Servizo de Publicacións da Universidade. Así mesmo, esta conmemoración virtual contou coa actuación musical do acordeonista David Álvarez Caneda e a fagotista Zeltia Augusta Pino.

O primeiro achegamento á figura de Carvalho Calero chegou a través das verbas de María Victoria Carballo-Calero, que destacou a entrega de seu pai, ao longo de toda a súa vida "á construción e elevación da cultura" en Galicia, así como "o seu rigor e honestidade no tratamento da lingua e da literatura galegas". Nunha intervención en vídeo, expresou o seu desexo de que o recoñecemento que supón Día das Letras Galegas sirva en primeiro termo para que se coñeza e se lea a obra de seu pai, "enorme en extensión, ademais de moi variada", xa que comprende poesía, teatro, narrativa e tamén a súa produción científica; unha obra, engadiu, xerada co propósito de que "dignificase a cultura galega e, sobre todo, a Galicia como país".

As lembranzas de Camiño Noia e Pilar García Negro da súa etapa como alumnas do que fora catedrático da USC abriron a continuación un coloquio sobre o autor ferrolán. Esta reflexión completouse coas impresións recollidas en vídeo de Aurora Marco, autora de Foula e ronsel. No peche do acto, o reitor trasladou a súa preocupación polo feito de que, nun momento no que a mocidade ten un amplo coñecemento do idioma galego, , o seu uso estea "a esmorecer" entre as novas xeracións. Fronte a iso, incidiu no papel que as "novas xeracións de creadores" poden xogar á hora de "atraer novos falantes", á vez que resaltou o compromiso coa lingua da institución académica.

Te puede interesar