Universidad

A UVigo emitirá en directo o seu Concerto de Nadal

Universidad

A UVigo emitirá en directo o seu Concerto de Nadal

Imaxe dunha actuación do grupo folk galego Tor.
photo_camera Imaxe dunha actuación do grupo folk galego Tor.
A través da canle de televisión da institución, durará a redor dunha hora a cargo do grupo folk Tor

Neste ano 2020 nada é igual que anos anteriores, a situación sanitaria obrigou a mudar todos os plans e proxectos, pero, por moito que a realidade actual sexa complicada, hai tradicións que, dun ou outro xeito, tentan manterse. Na Universidade de Vigo unha destas tradicións é o seu Concerto de Nadal, a cita coa que a comunidade universitaria dá a benvida ás festas. 

Este ano a pandemia impide realizar esta actividade tal e como era habitual, polo que dende o equipo de goberno optouse por organizar un acto moito máis modesto, de maneira totalmente virtual, pero cunha gran novidade, convidar ao concerto o resto de universidades españolas, "un xesto co que, nestes momentos de incerteza, queremos dar unha imaxe de unidade, xa que todos estamos a sufrir o mesmo problema, tanto desde o punto de vista académico como de xestión e de todo en xeral", explica o profesor Pedro Pablo Gutiérrez, director de Área de Extensión Universitaria, quen fai fincapé en que "a música é un dos mellores remedios para non deixarnos levar polo desánimo".

O concerto correrá a cargo do grupo folk galego Tor e celebrarase este xoves, día 17, ás 20.00 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Vigo, se ben, por motivos de seguridade sanitaria, nesta ocasión non haberá público presencial, senón que será retransmitido en directo a través de UVigoTV, non só á comunidade universitaria da Universidade de Vigo, senón tamén do resto de universidades españolas e do conxunto da cidadanía en xeral.

"Tor é un grupo de folk galego moi orixinal, unha formación moi novidosa que mestura o folk galego antigo co irlandés, o escocés…", explica o director da Área de Extensión Universitaria. Nesta formación coinciden os irmáns Félix e Cástor Castro, Xosé Liz e Álvaro Iglesias, catro recoñecidos profesionais que, logo de moitos anos dedicados á investigación musical, apostaron por unirse neste proxecto. O resultado é un innovador proxecto cun repertorio composto, sobre todo, por popurrís ou sets de temas instrumentais tomados da tradición galega, con especial atención aos gaiteiros e músicos do interior. A principal fonte é o amplo arquivo propio de partituras e discos antigos, así como gravacións de campo realizadas polos seus membros buscando temas orixinais da frauta de madeira e acordeón diatónico ou de estilos de toque de gaita de comarcas pouco coñecidas como A Limia, Frieiras e Navia entre outras.

O concerto durará arredor dunha hora e nel interpretaranse algunha das pezas máis coñecidas deste grupo: Sobrado, Carolina, Repimpín, Tambores...

Te puede interesar
Más en Universidad