Universidad

A UVigo presenta un sistema para recoller enerxía terrestre

O prototipo deseñado polo consorcio liderado pola UVigo.
photo_camera O prototipo deseñado polo consorcio liderado pola UVigo.
O proxecto inclúe un estudo sobre a difusión do radon nos pozos de captación xeotérmica

O proxecto Geo4radón culminou case tres anos de traballo a pasada semana, coa presentación do prototipo final dun sistema de aproveitamento dos recursos xeotérmicos. A súa principal innovación é que integra nun único dispositivo diferentes tipos de renovables, como son a enerxía aerotérmica e a solar térmica.

A iniciativa, enmarcada na convocatoria Conectapeme, botou a andar en abril de 2018 cun orzamento total de 819.000 euros e unha subvención da Axencia Galega de Innovación de 444.320 euros, cofinanciados nun 80% por fondos Feder da UE. Colaboran a Universidade de Vigo e cinco empresas da contorna: Extraco, Megodeza, Conexiona Telecom, Galaicontrol e Renga Enerxía. O catedrático da UVigo José Fernández Seara coordinou o traballo do consorcio.

Os inicios

Cando o proxecto Geo4radón botou a andar, os membros do consorcio fixáronse como obxectivo a construción dun sistema unificado que recollese -a través dunha bomba de calor- a enerxía xeotérmica da terra, e que estivese dotado de ferramentas para a recarga enerxética dos pozos dos que se extrae esa enerxía a través de aerotermos e enerxía solar. En paralelo, tamén quixeron analizar a presenza de gas radon nos pozos, a través do estudo da influencia entre as perforacións xeotérmicas e a súa difusión no medio ambiente por mor deste tipo de obras.

O prototipo resultante presentado xa reúne todas esas características. Por unha banda, como explica Prego, "incorpora unha bomba de calor de alta potencia e prestacións melloradas, sendo capaz de mobilizar estas enerxías limpas, optimizando o aproveitamento dun tipo ou doutro de enerxía". Fronte ás bombas de calor convencionais, a desenvolvida no proxecto emprega como gas refrixerante o propano, evitando o uso dos gases convencionais, "moi contaminantes". 

Concentración de radon

Por outra banda, o proxecto incluíu tamén un estudo pioneiro sobre a concentración e difusión do gas radon nos pozos de captación xeotérmica, analizando a influencia que teñen aspectos tales como a localización dos pozos, os campos de temperaturas, os tipos de sondaxes e os materiais de recheo empregados na súa construción, cando "os pozos de enerxía xeotérmica son potenciais vías de acceso do radon aos edificios, un gas con elevada presenza en todo o subsolo de Galicia", subliñan. Agora, unha vez rematado o proxecto e desenvolvido o prototipo, Javier Prego explica que "as empresas participantes están valorando diversas fórmulas para unha futura comercialización dos resultados, adaptando o modelo ás necesidades do mercado". 

Te puede interesar