UNIVERSITAS

25 anos da UVigo ao son dos 25 anos de Treixadura

treixadura
photo_camera Cartaz do concerto que se celebrará no Teatro Principal de Ourense.

O grupo actuará o día 14 de maio no Teatro Principal de Ourense

A Universidade de Vigo conmemora este ano o seu 25 aniversario, un cuarto de século desde a segregación da Universidade de Santiago de Compostela, da que ata entón dependía ao igual que a Universidade da Coruña. Tamén por aquel 1990 nacía un grupo de música tradicional galego, Treixadura, arraigado no canto e na gaita galega. As dúas entidades están de aniversario este 2015 e xuntas así o celebrarán o día 14 de maio no Teatro Principal, onde o grupo ofrecerá un concerto no que tamén colaborará o coro santiagués Cantigas e Agarimos.


Durante o concerto, Treixadura presentará o seu novo disco, titulado "Vendima Tarda". Con esta parada na cidade das Burgas, o conxunto dará continuidade á xira de presentación deste traballo que están a realizar os seus compoñentes polas sete capitais galegas.
Nestes eventos especiais, ao igual que farán en Ourense, Treixadura repasa a súa carreira e tamén presenta algunhas pezas inéditas, convidando para facelo á histórica coral Cantigas e Agarimos, que participou na gravación deste último disco.


Con esta actuación, a Universidade de Vigo leva a celebración do seu 25 aniversario ao corazón da cidade de Ourense, cidade e provincia que acollen un dos seus tres campus e coas que a institución universitaria ten unha forte implicación e historia en común. As entradas son de balde previa solicitude ou ata completar aforo.

Te puede interesar
Más en Universitas