85 medidas para naturalizar o principio de igualdade de xénero

con1_result
photo_camera Un momento da recente sesión de Consello de Goberno.

O Consello de Goberno dá luz verde ao II Plan de Igualdade entre mulleres e homes que se aplicará en todas as fases da actividade universitaria

A Universidade de Vigo conta xa co seu segundo plan de igualdade, no que se deseñan as políticas que contribuirán a crear unha contorna de convivencia igualitaria, “que ademais de ser o xusto e democrático será, sen dúbida, beneficioso para a institución porque aumentará a súa competitividade ao sacar rendemento de todo o seu capital humano en igualdade de condicións”, explica Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade.

O II Plan de Igualdade entre mulleres e homes da Universidade de Vigo recibiu o apoio unánime dos membros do Consello de Goberno, nunha sesión ordinaria na que tamén se acordou a concesión do grao de doutor honoris causa a quen está considerado como o taxónomo máis produtivo do mundo, Emilio Rolán Mosquera, pola súa ampla contribución á ciencia no campo da taxonomía de moluscos mariños, coa descrición de máis de 1000 especies novas. Na sesión, tamén se aprobou, previa votación, a programación docente anual, PDA, de grao para o vindeiro curso, así como as normas de elaboración do Plan de Organización Docente, POD para o curso 2016/2017.

O futuro inmediato do Centro de Innovación Aeroespacial, Cinae e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica do Espazo, así como da ETEA e do edificio institucional da Universidade que se localizará no Berbés, ocuparon boa parte do informe do reitor ao Consello de Goberno, ante o que tamén agradeceu os servizos prestados aos xa ex directores das escolas de Enxeñaría de Minas e de Estudos Empresariais, Benito Vázquez e Patricio Sánchez, respectivamente.

Te puede interesar
Más en Universitas