GOBERNO DA UNIVERSIDADE

Activadas as medidas para acoller sirios refuxiados

O Claustro aprobou un plan de acollida a alumnado e profesorado sirio refuxiado.
photo_camera O Claustro aprobou un plan de acollida a alumnado e profesorado sirio refuxiado.

Na primeira sesión do Claustro que se celebra en Pontevedra, aprobouse un plan de acollida a alumnados e profesorado 

Activar as diferentes medidas e ferramentas das que dispón a Universidade para acoller e integrar ao alumnado e ao profesorado universitario que o conflicto sirio está a converter en refuxiados e refuxiadas é o propósito principal do plan de actuación e acollida que o Claustro da institución académica aprobou na sesión que, por primeira vez na súa historia, se celebrou no campus de Pontevedra.

Tralo seu adiamento por falta de quórum o pasado 14 de outubro, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación foi o escenario este luns desta sesión do máximo órgano de Goberno da institución académica, na que o reitor, Salustiano Mato, deu conta das principais novidades que implica o Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego que vén de ser aprobado para o período 2016-2020, ao que a Universidade de Vigo brindou un “voto afirmativo pero crítico”, ao considerar que constitúe “un paso atrás” no relativo ao reparto de fondos en función de resultados.

A Universidade de Vigo non pode permanecer indiferente ante o drama dos refuxiados ao que asistimos nos últimos meses”, saliéntase no plan de actuación e acollida de alumnado e docentes refuxiados ao que o Claustro deu o seu visto e prace e que foi elaborado “seguindo as directrices” fixadas pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE). Así o salientou o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández, responsable de presentar un proxecto elaborado conxuntamente coa Vicerreitoría de Estudantes e que implica “un compromiso coa súa integración académica”, habilitando que unha serie de medidas xa existentes na institución académica sexan tamén accesibles para os refuxiados e refuxiadas. 

Con ese propósito, o plan contempla medidas como a concesión “dunha axuda de estudos das mesmas características” que as que a institución outorga a estudantes en situacións de dificultades económicas sobrevidas, así como bolsas de comedor e axudas de aloxamento, tamén nas mesmas condicións que as convocadas pola institución, segundo explicou Fernández, que apuntou que o plan tamén prevé facilitar a inmersión lingüística dos estudantes refuxiados de xeito gratuíto coa colaboración da Área de Normalización Lingüística e do Centro de Linguas, así como proporcionarlles asistencia psicopedagóxica.

Así mesmo, prevé tamén “a creación dun programa de voluntariado específico, con recoñecemento de créditos, baseado na implantación da figura do estudante-guía”, que se encargará de axudar aos refuxiados e refuxiadas nos distintos trámites que deban realizar, así como de “darlles apoio en todo o que precisen para a súa integración”.

No relativo ao persoal docente, o plan prevé facilitar a continuidade do seu labor docente e investigador a través da figura do “profesor visitante”, como apuntou Fernández Iglesias, que sinalou tamén que este documento expresa tamén a súa vontade de que a institución académica preste a súa colaboración “a outras accións que se poidan tomar desde a sociedade civil para acoller a estas persoas”, brindando o seu apoio ás organizacións locais de axuda ao refuxiado "en cuestións como a procura de familias de acollida ou a sanidade".

Así mesmo, o vicerreitor sinalou que será a CRUE a responsable de coordinar a incorporación dos refuxiados ás distintas universidades e neste senso salientou que “pensamos que temos capacidade suficiente para acoller e integrar” a todos aqueles que reciba a institución viguesa.n

Te puede interesar
Más en Universitas