UNIVERSITAS

Adeus ás aulas dun espírito rebelde e toda unha pioneira

En plena celebración do 25 aniversario é tempo tamén de botar a vista atrás e pór en valor o papel de quen, dun ou doutro xeito, contribuíu á creación e posta en marcha do que hoxe é a Universidade de Vigo.

En plena celebración do 25 aniversario é tempo tamén de botar a vista atrás e pór en valor o papel de quen, dun ou doutro xeito, contribuíu á creación e posta en marcha do que hoxe é a Universidade de Vigo. Neste contexto encádrase mellor ca nunca a despedida das aulas universitarias dunha das pioneiras, a catedrática de Literatura Española Dolores Troncoso Durán, a quen este martes os seus compañeiros de departamento renderon unha cálida homenaxe, unha fonda mostra de afecto e todo un recoñecemento o labor de quen dedicou máis de corenta anos da súa vida á Universidade e á Literatura no senso máis amplo de ambas verbas.
Nunha particular lección xubilar, que foi tecendo coas múltiples anécdotas vividas ao longo destes anos Troncoso despídese da docencia universitaria, pechando unha etapa “pola que sentirei nostalxia, porque o pouco ou moito que sei aprendino aquí, e aquí coñecín a boa parte dos meus mellores amigos” e abrindo as portas a outra “ que empezo coa ilusión de poder facer cousas que levo demasiado tempo adiando”.


“O espírito rebelde de Dolores”, o seu “temperamento volcánico, consciente de contribuír con el ao necesario contraste de ideas”, o seu “furor filolóxico”, son só algúns dos cualificativos que empregou o profesor Manuel Ángel Candelas Colodrón, compañeiro de departamento, no repaso dunha traxectoria vital/profesional, que en máis dun momento espertou a emotividade e complicidade dos asistentes, entre os que se atopaban docentes de diferentes facultades e escolas, moitos alumnos e exalumnos, e autoridades como o exreitor Alberto Gago ou o presidente da Real Academia Galega, Jesús Alonso Montero, que quixeron tamén arroupar coa súa presenza “a quen intentou sempre dirixir os pasos da Universidade cunha visión de amplo alcance, con altura de miras”, como recalcou Candelas.


A homenaxe a Dolores foi tamén unha particular viaxe no tempo, un intre para botar a ollada atrás e lembrar os anos da creación do Colexio Universitario de Vigo, “ao que me incorporei recen creado en 1973”, tal e como ela mesma subliñou, lembrando a dureza duns anos no que todo estaba por facer e nos que compartiu espazo e experiencias co profesorado “de Ciencias, de Económicas, xente que logo ocuparía outras ladeiras destas mesmas montañas para crear os cementos da Universidade de Vigo”, lembrou Candelas, que fixo fincapé en que xa dende ese intre “de nacemento e desenvolvemento incipiente”, Dolores comezou a traballar por unha institución na que tamén ocupou múltiples cargos de xestión, desde a secretaría e dirección do departamento, membro do Consello de Goberno, de Claustro, decana da facultade, integrante e presidenta de diferentes comisións...


E neste día tan especial Troncoso tampouco se esqueceu de recordar a experiencia que viviu como docente de cursos de literatura para os reclusos da cárcere da Lama "unha experiencia inolvidable que recomendo a todos os meus compañeiros".

Te puede interesar
Más en Universitas