PROXECTO

A Agrupación Aeroespacial procurará desviar un asteroide da súa orbita

Integrantes da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo na estación de seguimento da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
photo_camera Integrantes da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo na estación de seguimento da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

O colectivo da Universidade de Vigo participará no proxecto internacional e para elo contarán coa colaboración da Axencia Espacial Europea.

Novo feito histórico para a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo. O equipo coordinado polo profesor Fernando Aguado acaba de asinar un contrato coa Axencia Espacial Europea (ESA) para formar parte de AIM (Asteroid Impact Mission), o primeiro programa sobre defensa espacial da ESA. Trátase dunha misión tecnolóxica ideada para poñer a proba unha técnica de desviación dun asteroide coñecida como impactador cinético e para levar a cabo tarefas de investigación do propio planetoide.

En outubro de 2020 lanzarase un pequeno satélite para estudar de preto o asteroide binario Didymos. Con 700 quilos de peso, levará no seu interior dous pequenos satélites de tres unidades de cubesat e varios experimentos para realizar mapas en 3D, incluído un cun sistema que se posará na superficie da lúa do asteroide para tomar mostras e fotografías da superficie, o Mascot-2. 

Trátase da primeira parte dunha misión espacial denominada AIDA que completará a NASA co lanzamento en xullo de 2021 dunha sonda que choque contra esa lúa para tentar modificar a traxectoria da órbita do asteroide e construír modelos de impacto que poidan servir para desviar nun futuro corpos que se dirixan cara a Terra.

O papel da Universidade de Vigo será desenvolver un dos cinco conceptos de operación que inclúan tecnoloxía propia do consorcio que deberá levar ante a ESA, que elixirá para a seguinte fase a dúas das propostas presentadas ou integrará diferentes partes das catro en función da análise das solucións expostas. O proxecto no que traballará a Universidade de Vigo é DustCube, un cubesat que se situará a unha distancia de entre 2 e 4 quilómetros do asteroide e que se encargará de analizar os fragmentos de po e rochas que se desprendan tras a colisión (tamaño, forma, densidade...) e a composición mineral dos fragmentos, o que lle dará aos científicos moita información sobre a orixe do asteroide, idade...

O envío deste satélite tamén permitirá medir a degradación das comunicacións ópticas entre a nave AIM e a Terra provocadas pola nube de po, así como probar un sistema de comunicación entre satélites, xa que o tamaño dos cubesats obriga a enviar a sinal ao AIM para que este o derive a unha estación terrestre.

Nesta nova aventura a Agrupación Aeroespacial contará con dous parceiros cunha gran traxectoria: a empresa suíza Micos, especializada en óptica e que se encargará da parte máis científica do proxecto, e a Universidade de Boloña, que se responsabilizará da parte de propulsión do satélite. A Universidade de Vigo sería a encargada de desenvolver a plataforma dun satélite 3U de tamaño similar ao recentemente lanzado Serpens (estrutura, potencia e ordenador de abordo para procesado de datos, protocolos de comunicación), das operacións, de dirixir o proxecto e de coordinar toda a misión.n

Te puede interesar
Más en Universitas