ELECCIÓNS AO DECANATO

Alonso Bacigalupe á frente de Filoloxía e Tradución

Luis Alonso Bacigalupe, novo decano da Facultade de Filoloxía e Tradución
photo_camera Luis Alonso Bacigalupe, novo decano da Facultade de Filoloxía e Tradución

A súa candidatura acadou o respaldo do 69% da Xunta de Facultade celebrada este martes.

Sen grandes promesas pero con moita ilusión. Así chega ao cargo o profesor Luis Alonso Bacigalupe elixido o martes decano da Facultade de Filoloxía e Tradución co apoio do 69% dos votos emitidos en Xunta de Facultade -49 votos a favor, 12 en contra, 9 en branco e 1 nulo-.

É o inicio dunha nova etapa para un centro con máis de 1.200 estudantes e 120 profesores que levaba meses agardando a chegada dun novo equipo disposto a tomar as rendas da xestión tras varias convocatorias electorais sen candidaturas e un período de tres meses no que o catedrático José Montero Reguera, nomeado decano en funcións polo reitor, asumira o reto de volver convocar en novembro este novo proceso electoral.

Satisfeito polo respaldo acadado, o novo decano amosouse “encantado” co apoio recibido por parte dos seus compañeiros e compañeiras, unha sensación que tivo desde que fixeron pública a candidatura, pois todo decorreu nun marco xeral de boa vontade e ofertas de colaboración.

“Sen ningún tipo de dúbida a miña prioridade agora é facer funcionar a facultade o mellor posible, en todos os aspectos”, subliñou tras as votacións o xa novo decano, que se amosou “ilusionado” cun novo proxecto no que compartirá responsabilidades coa profesora Maruxa Cabeza, que se fará cargo da Secretaría; Jorge Figueroa e Maribel del Pozo, do vicedecanato de Relacións Internacionais; Inmaculada Anaya, de Organización Académica e Susana Rodríguez, de Calidade.

Te puede interesar
Más en Universitas