DIVULGACIÓN

Baixo os pés hai un mundo por descubrir

A exposición está organizada pola Área de Edafoloxía e Química Agrícola
photo_camera A exposición está organizada pola Área de Edafoloxía e Química Agrícola

A Facultade de Ciencias acolle unha exposición sobre as diferentes tipoloxías de terreos

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas ONU declarou 2015 como o Ano Internacional dos Solos, unha conmemoración que permite á comunidade científica chamar a atención da cidadanía sobre a riqueza que se agocha aos seus pés.

Conscientes do descoñecemento que existe arredor deste recurso non renovable e compartindo o mesmo obxectivo de fomentar a concienciación e a comprensión da importancia do solo para funcións esenciais, a Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Vigo trouxo á Facultade de Ciencias a exposición Os Solos e a Biodiversidade Forestal, da Sociedade Española da Ciencia do Solo. 

A mostra está situada ata principios de decembro na planta baixa do Edificio Politécnico. Está composta por doce paneis, que se corresponden cada un cun mes do ano, nos que se recollen imaxes e información sobre os grandes tipos de solos que existen en España, permitindo visibilizar a riqueza e a diversidade existente. Os paneis están instalados no corredor de acceso ao salón de graos Marie Curie e a súa instalación no campus de Ourense enmárcase dentro do percorrido que a exposición está a realizar por diferentes puntos da xeografía estatal durante 2015.

Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Gil Garrote, decano da Facultade de Ciencias, e investigadores e investigadoras da área organizadora visitaron  a mostra. “Estamos ante unha exposición didáctica moi atractiva tamén para aqueles e aquelas que nos achegamos desde outros ámbitos”, destacou Virxilio Rodríguez.n

Te puede interesar
Más en Universitas