UNIVERSITAS

Biosensores deseñados para frear a praga do alzhéimer

g1-1-_result
photo_camera Grupo de investigadores da Universidade de Vigo.

A investigación do grupo TeamNanoTech lévase a cabo no marco da Rede Galega de Biomateriais

O alzhéimer presenta o perigo de converterse nunha das peores pragas sanitarias a nivel mundial en tan só unhas décadas. Na actualidade, esta enfermidade neurodexenerativa afecta a un 10% da poboación maior de 60 anos e a un 40% dos maiores de 80. A previsión de que o número global de afectados acade os 150 millóns en 2050, o que multiplica por cinco a cifra actual, fai aínda máis urxente a necesidade de ferramentas de diagnose temperá para frear a destrución neuronal cando o deterioro cognitivo non é aínda crítico.

“Un dos principais retos científicos actuais é poder emitir unha diagnose precoz desta enfermidade, isto é, antes da aparición de problemas de memoria significativos”, explica Miguel Correa, coordinador do grupo TeamNanoTech da Universidade de Vigo, integrado no Instituto de Investigación Biomédica (IBI). O seu proxecto para deseñar ferramentas avanzadas de detección temperá do alzhéimer vén de iniciarse grazas ao financiamento da Fundación Tatiana Pérez Guzmán el Bueno e nel colaboran tamén investigadores da Xerencia de Xestión Integrada de Vigo (Sergas).

Na maior parte das ocasións, a diagnose do alzhéimer realízase en fases avanzadas, cando os síntomas clínicos e cognitivos son notorios e os danos no cerebro son xa evidentes e irreversibles. A recuperación das neuronas mortas é case imposible e só se pode tratar de retardar a morte neuronal do resto. Aínda que as estratexias terapéuticas e os fármacos existentes son capaces de preservar as células aínda vivas, cando se manifestan os síntomas cognitivos a destrución neuronal xa é excesiva e salvagardar estas células non é suficiente.

As novas ferramentas diagnósticas que os investigadores vigueses están a desenvolver no marco da Rede Galega de Biomateriais farán posible aplicar en fases moi incipientes novos métodos terapéuticos que poderían alterar o desenvolvemento da enfermidade subxacente, freando ou incluso detendo o seu avance. Polo tanto, conseguir detectar o antes posible a doenza suporía un grande avance no seu tratamento e prevención e, á súa vez, as consecuencias serían moi beneficiosas tanto para a calidade de vida dos enfermos e das súas familias como para o traballo de coidadores e profesionais médicos.

En definitiva, trátase de desenvolver un método sinxelo e rápido que permita detectar a enfermidade mediante unha simple análise de sangue, mesmo predicindo a súa aparición en persoas novas. Ademais, sábese que os bos hábitos de vida, como facer exercicio físico e levar unha alimentación saudable, frenan moito o deterioro do cerebro ante o alzhéimer, polo que unha diagnose precoz pode concienciar sobre cambios de hábitos capaces de retrasar a aparición da enfermidade moitos anos.

Te puede interesar
Más en Universitas