GRADUADAS

Carmen e Teresa, o exemplo de chegar aos 70 con fame de coñecementos

As dúas graduadas máis veteranas do Programa para Maiores recolleros os seus diplomas.

Eran outros tempos. Cando elas eran rapazas a ensinanza non era obrigatoria, sobre todo se eras muller, e por moitas gañas que se tivera de seguir entre libros a necesidade de poñerse a traballar para levar cartos a casa sempre estaba por riba de seguir estudando. Por iso, con moito pesar pola súa parte, María Teresa Estévez e María del Carmen Corbacho cambiaron demasiado cedo os pizarríns por unha vida case de adulto. Porén, a pesar das circunstancias non deixaron que esa “fame de coñecementos” caera en saco roto e, con 75 e 74 anos respectivamente, recolleron os seus diplomas como as graduadas máis veteranas do Programa para Maiores da Universidade de Vigo.

Foron moitas as dúbidas que asaltaron tanto a Teresa como a Carmen antes de dar o paso definitivo e matricularse neste programa impulsado dende a Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais. O medo a non estar á altura, a non ser capaz de rematar, a non integrarse… era un impedimento grande. Para Carmen todo cambiou o día que dúas amigas máis se animaron a volver ás aulas. “Despois de 51 anos de intenso traballo non podía pasar a estar xubilada sen facer nada, pero custoume tomar a decisión. Estiven cinco anos esfollando a margarida, facendo algún deporte, pero ademais de exercitar o corpo tamén quería exercitar a mente, porque senón se oxida. Non vivín o ambiente nas aulas a este nivel cando me tocaba, e xa ía sendo hora”, asegura esta estudante da undécima promoción de Graduados e Graduadas Universitarios Sénior, un ciclo de tres anos no que as materias están deseñadas para este alumnado.

Aínda que Carmen continuará estudando “ata que o corpo aguante”, non se atreve a dar o salto ao Superior Sénior como Teresa, un ciclo de integración no que os maiores de 55 comparten aula co alumnado novo.

Auxiliar de enfermaría xubilada, Teresa xa compatibilizara o seu traballo no Hospital Xeral coas clases para sacar o bacharelato, pero seguía sen poder encher “un baleiro que tiña dende moza, cando tiven que deixar de estudar por circunstancias familiares”. Grazas ao apoio dos seus fillos volveu ás aulas “para facer algo que necesitaba máis que comer”. “Levo toda a vida soñando cos libros, dende que era nena. Ao principio tiña un pouco de medo, pero a experiencia foi marabillosa. Para min é a miña vida”, recoñece. Por iso, a pesar de estar xa graduada seguirá collendo materias e compartindo clase cos máis novos porque “sempre hai que seguir evolucionando”.

Te puede interesar
Más en Universitas