UNIVERSITAS

Unha carta de presentación colectiva en forma de libro

gal1_result
photo_camera Pedro Pablo Gutiérrez é o coordinador do máster en Dirección de Arte Publicitaria.

O anuario do máster en Dirección de Arte Publicitaria reúne os traballos dos titulados

 Aínda que o seu nome poida levar a pensar que se trata dun balance do acontecido ao longo dun curso, o que realmente pretende o anuario do máster en Dirección de Arte Publicitaria é servir como unha mostra do talento dos egresados e egresadas do mestrado que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Non en van, o que se reúne nas páxinas do volume que no presente ano se editou por segunda vez son unha serie de imaxes do traballo realizado polos titulados e tituladas, co obxectivo que sirva como “unha ferramenta de promoción profesional para todos eles”, como explica o coordinador da titulación, Pedro Pablo Gutiérrez.


O libro que neste 2015 se editou por segunda vez recollendo o traballo do alumnado do curso 2013/2014 “mándase a axencias de publicidade de Galicia e do resto de España, institucións, empresas que teñen alumnos en prácticas... en fin, a toda a xente que poderían ser contratadores”, apunta Gutiérrez. Non en van, o que se recolle neste anuario é unha mostra gráfica dos proxectos realizados polos diferentes alumnos e alumnas, xunto cunha explicación “de cal é a súa especialidade e a súa traxectoria”, así como os seus datos de contacto. “Deste xeito, calquera axencia que necesite un deseñador, ten aí un catálogo onde poder elixir”, engade o coordinador deste mestrado. “É como mandar un currículo, pero co aval do máster”, sinala Gutiérrez, que incide en que, no mundo do deseño gráfico, “o portfolio é determinante á hora da contratación”.


O anuario que vén de ser editado e distribuído dedica catro páxinas a cada un dos 31 titulados e tituladas da promoción 2013/2014 que participaron neste proxecto achegando “libremente os traballos que consideraban máis relevantes ou que mellor reflectían o seu estilo, feitos dentro é fora do máster”. De feito, nesta carta de presentación colectiva reúnense tanto mostras de anuncios ou imaxes corporativas, como fotografías, tipografías ou deseños para páxinas web.


Mais antes de saír do prelo, esta publicación foi un traballo de fin de máster. Neste caso, o de Eugenia Ramírez, que o pasado curso foi a responsable de reunir proxectos dos seus compañeiros de promoción e convertelos nun libro. “Cada ano ofréceselles á posibilidade de que o seu traballo sexa este libro”, apunta Gutiérrez. Se máis dun alumno se amosa disposto a facelo, “sacámolo a concurso e dáselle á idea máis atractiva”, que foi precisamente o que aconteceu coa edición deseñada e maquetada por Ramírez. De aí que cada libro sexa é previamente un traballo que se presenta en xullo, para, unha vez aprobado, iniciar o proceso de convertelo nunha publicación que se edita ao curso seguinte.

Te puede interesar
Más en Universitas