UNIVERSITAS

Case 20 anos de colaboración e centos de textos traducidos

pag4(1)_result
photo_camera Jean-Louis Bouby, Elena Sánchez Trigo e Carmen Vilaboa.

A catedrática Elena Sánchez Trigo traduce desde hai 19 anos textos do francés para  a Asociación Gallega contra las Enfermedades Neuromusculares

As enfermidades neuromusculares caracterízanse, en xeral, por unha perda progresiva de forza muscular, o que provoca situacións de dependencia, algunhas moi graves desde o nacemento e outras de leve a grave ou moi grave. Catalogadas como enfermidades raras, os 150 diagnósticos neuromusculares representan a máis de 40.000 familias en toda España, das que 4.000 se sitúan en Galicia, entre unha poboación especialmente dispersa. Co obxectivo de achegar a pacientes, profesionais médicos, institucións e sociedade en xeral unha información actualizada sobre a enfermidade e a evolución da súa investigación, a Asociación Gallega contra las enfermedades neuromusculares, ASEM Galicia, iniciou en 1997 unha colaboración coa catedrática de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo Elena Sánchez Trigo para traducir ao español os textos da Association française contre les myopathies, AFM. 


“AFM leva máis de 50 anos loitando con uñas e dentes e cunha calidade informativa exquisita. Sendo francés puiden darme conta diso, así como da imposibilidade de encargarme de traducir toda a información da que dispoñen para familias, afectados e profesionais”, explica Jean-Louis Bouvy, ex presidente e fundador de ASEM Galicia, que en 1997 contactou con Elena Sánchez Trigo para proporlle introducir a tradución sanitaria e social dentro da formación académica, apoiándose na documentación da AFM.

Te puede interesar
Más en Universitas