UNIVERSITAS

O ciclo Escritoras/es na Universidade cumpre dez anos

Esta décima edición arranca hoxe con Rosa Enríquez e Teresa Moure

O ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade cumpre dez anos e faino cunha nova edición que aposta pola subxectividade. Deste xeito, os dous participantes de cada unha das sesións, en lugar de falar sobre a súa propia obra, introducirán a do seu compañeiro ou compañeira. Este ciclo, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Facultade de Filoloxía e Tradución, trata de achegar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións de destacados e destacadas representantes do panorama literario galego.


No décimo aniversario a organización optou pola parcialidade, polo punto de vista do outro, para que os asistentes obteñan “unha panorámica subxectiva da situación dos xéneros poético, narrativo e teatral en Galicia a través das súas creadoras e creadores”. Para chegar a ese punto, en cada sesión participarán dous relatores ou relatoras, e cada un dará unha visión da obra e da figura pública do outro, “unha introdución subxectiva e breve sobre a súa recepción da obra da persoa compañeira de mesa, que preguntas lle suscita, para despois encetar un diálogo fluído entre relatores-as para, ao final, establecer un coloquio aberto para dar oportunidade ao alumnado de formular as súas preguntas”. 


Esta décima edición arrancará hoxe cunha mesa redonda sobre poesía na que participarán Rosa Enríquez, colaboradora habitual nas páxinas de Opinión de La Región, e Teresa Moure e terá lugar no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución. Enríquez, licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, é docente, poeta e articulista en diversos xornais e revistas. Coa súa primeira obra, Nas aforas, obtivo o Premio Francisco Añón de Poesía do Concello de Outes no 2005. Publicou despois Vestíbulo da devastación (2007), Desobediencia (2011), e en 2012 outro libro de poemas: Atlas de Chaguán. Participou tamén en obras poéticas colectivas e publicou unha novela xuvenil de ciencia ficción e fantasía titulada Unicrom (2008). A obra de Teresa Moure é tamén multidisciplinar incluíndo novela, poesía, ensaio, literatura infantil, teatro e tradución. Doutora en Lingüística xeral pola USC, obtivo entre outros galardóns o Ramón Piñeiro de ensaio en varias ocasións, o premio María Casares ó mellor texto orixinal en 2009 por Unha primavera para Aldara ou Premio Xerais de novela en 2005 por Herba moura.

Te puede interesar
Más en Universitas