OFERTA DOCENTE

Ciencias e Dereito elaboran as súas axendas de futuro

Os novos equipos decanais reuníronse co reitor da Universidade

A finais do ano 2015, as facultades de Ciencias e Dereito do Campus de Ourense renovaron os seus equipos decanais trala celebración das pertinentes eleccións. Rematadas as vacacións de Nadal e cos centros xa a pleno rendemento, Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, reuniuse con estes novos equipos para coñecer aos novos membros e para falar das necesidades e expectativas dos centros que dirixen.

A consolidación da oferta académica destas facultades e a súa internacionalización, a través de fórmulas como os programas de simultaneidade e os dobres títulos, constitúe unha das principais liñas de acción na súa axenda de futuro.

“As reunións tiveron como obxectivo saudar aos novos equipos decanais de Ciencias e Dereito, coñecérmonos, falar de cales son os seus plans de futuro e brindarlles a colaboración da Universidade de Vigo a través do reitorado e da vicerreitoría do campus”, explicou ao remate dos encontros o reitor, que estivo acompañado neles por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense.

No caso da Facultade de Ciencias, apuntou o reitor, entre os temas tratados estivo a consolidación dos títulos do centro a través de dobres titulacións internacionais e programas de simultaneidade. No caso da Facultade de Dereito, un dos principais temas tratados foi o da súa especialización e internacionalización a través da Mención Unión Europea e Desenvolvemento Sostible, que supón a vinculación do centro co proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. 

Te puede interesar
Más en Universitas