As ciencias xurídicas buscan no deporte a especialización profesional

Arrancaron este pasado luns e continuarán os días 21 e 22 deste mes en Ourense e Vigo

Preto de 200 persoas entre docentes, investigadores, deportistas, adestradores, árbitros, xestores e estudantes participan nas I Xornadas sobre Dereito Deportivo que arrancaron este luns no campus Vigo organizadas polas facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e de Dereito de Ourense, dende onde se seguiron en directo a través de UvigoTv. As profesoras María José Bravo Bosch e Inés Iglesias Canle están detrás dunha iniciativa pioneira que pretende cubrir un baleiro de especialización dos profesionais do dereito no eido deportivo e así o evidenciou no acto de apertura o director xeral do RC Celta de Vigo, Antonio Chaves, que demandou formación específica para avogados e xuristas que traballan na xestión deportiva. 

Con todo, o fútbol é un dos principais expoñentes do peso que ten o deporte na economía e na creación de imaxe de marca, aínda que non o único. Por iso, ao longo de tres xornadas tocaranse diversas disciplinas e repasarase a evolución do dereito deportivo que, como lembra Bravo Bosch, “naceu na antiga Grecia e despois pasou a Roma, evolucionando ata a actualidade, polo que precisamos coñecer os antecedentes para comprendelo na súa totalidade”.

De feito, a primeira das mesas redondas da xornada versou sobre este tema, coa participación de dúas profesoras da Università di Cagliari, Maria Virginia Sanna e Anna Mandas, ademais da propia Bravo Bosch e a docente da Universidade de León Gema Vallejo. Nesta primeira sesión fixeron un percorrido polo estatus xurídico, por exemplo, dos gladiadores na antiga Roma ou polo papel da muller no deporte no mundo antigo. A través de anécdotas e datos curiosos achegaron algunhas das bases sobre as que hoxe se asenta o dereito deportivo e algunhas das loitas, como a da consecución da paridade, na que se sigue a traballar séculos despois.

Como destaca María José Bravo Bosch,a idea orixinal era que as xornadas fosen “interdisciplinares e transversais”, por iso a temática das intervencións vai dende a dopaxe ao dereitos de imaxe, e da fiscalidade do deporte aos procesos sancionadores. A idea das organizadoras é que sexa un punto de partida para futuros módulos máis específicos que axuden á especialización do estudantado de Dereito e dos profesionais, de xeito que o sector poida contar con avogados e expertos con coñecementos concretos sobre a aplicación do dereito ao deporte, por exemplo, na redacción de contratos de xogadores, xestión de dereitos de imaxe, etc.

Te puede interesar
Más en Universitas