UNIVERSITAS

Científicos da UVigo e do IEO descobren unha nova especie de cangrexo ermitán

uploaded_g1_result
photo_camera Fran Ramil, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, é un dos investigadores principais.

O achado, no noiro continental de Mauritania, é froito das catro campañas Maurit desenvolvidas entre 2007 e 2010

Investigadores da Facultade de Ciencias do Mar e do Instituto Español de Oceanografía (IEO) veñen de publicar un completo traballo sobre os cangrexos ermitáns de augas profundas de Mauritania, no que se describe unha especie descoñecida ata agora para a ciencia.

Este artigo asinado pola investigadora Susana S. de Matos-Pita e o profesor Fran Ramil, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, foi publicado na revista Zootaxa e inscríbese no marco do Proxecto EcoAfrik. A nova especie recibiu o nome de Paguristes candelae e os investigadores agardan que esta non sexa a última noticia sobre o descubrimento de novas especies en augas de Mauritania, xa que está pendente a publicación doutros dous traballos máis, tamén sobre a biodiversidade dos crustáceos.

12 especies coñecidas e 1 nova

Os inexplorados fondos do noiro de Mauritania están constituíndo unha fonte de especies novas para a ciencia. Ramil explica que estudaron todos os cangrexos ermitáns que recolleron ao longo das catro campañas oceanográficas Maurit que se desenvolveron en Mauritania dende o 2007 ata 2010. “O estudo de todo ese material permitiunos identificar 13 especies diferentes, e unha delas, a Paguristes candelae, resultou ser nova para a ciencia e describímola neste traballo, xunto coas outras 12 que xa eran coñecidas”.

Estas especies pertencen ás familias Diogenidae, Paguridae e Parapaguridae e todas foron recollidas en 83 das 316 estacións de arrastre realizadas na plataforma profunda e noiro continental de Mauritania durante as citadas campañas. O artigo científico, de máis de 40 páxinas, comprende unha abundante e ben coidada iconografía realizada en gran parte mediante un estereomicroscopio e técnicas de tratamento de imaxe.

A nova especie recibiu o nome de Paguristes candelae, por Candela, a filla de Susana S. de Matos-Pita, a investigadora que describiu e depositou persoalmente o seu holotipo no Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid. Tres exemplares, consistentes nun macho e dúas femias, foron recollidos en tres estacións diferentes ao longo do noiro continental de Mauritania, nun rango de profundidade comprendido entre 376 e 574 metros. Ademais da descrición da nova especie, na publicación os investigadores tamén propoñen o cambio de xénero de dúas especies, descríbese por primeira vez a femia de Paguristes marocanus, esténdese a área de distribución xeográfica de dúas especies e o rango batimétrico de tres, e cítanse por primeira vez en augas de Mauritania outras tres especies.

Os cangrexos ermitáns son ben coñecidos e deben o seu nome ao hábito de empregar como vivenda o interior das cunchas valeiras de diversos caracois mariños, ás que normalmente se asocian as diferentes especies. A característica máis destacada destes cangrexos, como explica Ramil, é que teñen o abdome brando e máis ou menos en espiral, de aí que vivan dentro de cunchas valeiras de gasterópodos (caracois) para protexerse. “Isto ten o inconveniente de que cando medran deben de cambiar de “casa” e buscar unha máis grande”, explica o investigador. Tamén hai especies que viven asociadas a esponxas e a antozoos (actinias e zoantarios) e nestes casos non teñen que cambiar de aloxamento, porque a casa vai medrando con eles.

Te puede interesar
Más en Universitas