UNIVERSITAS

Colaboración “sistemática e estratéxica" coa Deputación

gal1_result
photo_camera Silva, Mato e Corbacho, no inicio da reunión no Pazo Provincial de Pontevedra.

O reitor da Universidade de Vigo e o vicerreitor de Pontevedra mantiveron unha xuntanza coa nova presidenta do organismo provincial

A Deputación ábrese de par en par á Universidade e a Universidade ábrese de par en par á Deputación”. Deste xeito resumiu o reitor, Salustiano Mato, a vontade de ambas institucións de pór en marcha unha “colaboración estratéxica, intensiva e transversal” que se viu reflectida na xuntanza que o reitor o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, mantiveron coa presidenta do organismo provincial, Carmela Silva. Unha reunión na que acordaron deseñar e asinar un acordo marco, no que se estruturarán as liñas nas que se asentará esta colaboración e a partires do cal crearase un “grupo de traballo”, con representantes da Universidade e da Deputación, que será o encargado de definir ás áreas concretas de actuación nas que se verá reflectido o traballo conxunto de ambas institucións.


“Imos a comezar a traballar xa de forma directa en áreas moi sensibles e de moito futuro para esta provincia”, engadiu nese mesmo senso a presidenta da institución provincial ao remate da xuntanza que tivo lugar no Pazo Provincial, e que foi máis aló da visita institucional á nova presidenta do organismo provincial para ser xa unha primeira reunión de traballo na que comezaron a definirse “cales van a ser as vías dunha colaboración que vai a ser moi próxima, sistemática e habitual”, como salientou Silva. A xuntanza serviu para definir un “itinerario de traballo”, polo que a Universidade se compromete a presentar un borrador dese acordo marco que permitirá, como salientou Mato, ir máis aló das “colaboracións específicas” que ata o de agora se viñan mantendo coa institución.

Te puede interesar
Más en Universitas