UNIVERSITAS

O Consello Social dá o visto e prace definitivo ao orzamento para 2016

gal1_result
photo_camera Minutos antes da última sesión plenaria do ano celebrada na Casa das Campás de Pontevedra.

O reitor destacou o impulso do CREAS2i como un dos obxectivos do vindeiro exercicio

Despois de que as liñas xerais orzamentarias foran expostas ao Claustro e do seu paso polo Consello de Goberno, o orzamento da Universidade de Vigo para 2016 foi aprobado de xeito definitivo polo pleno do Consello Social, na sesión que desenvolveu na Casa das Campás. Co voto favorable de todos os membros presentes, o orzamento da institución académica para o vindeiro exercicio, que ascende a 160,6 millóns de euros, recibiu o “apoio decisivo” deste órgano, como salientou o reitor, Salustiano Mato, ao remate da xuntanza, ao tempo que o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, puña de relevo “o bo estado financeiro” dunha institución académica que pechou con superávit os catro últimos exercicios.

O vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, foi o encargado na sesión plenaria de afondar nas principais liñas dun orzamento que implica un descenso do 2,79% con respecto ás contas do exercicio anterior, por mor da finalización dos proxectos Táctica e Biocaps ou de infraestruturas como o Cinbio, así como pola redución na captación de recursos externos ao atoparse o novo programa europeo Horizonte 2020 nas súas fases iniciais. Trátase, ademais, do primeiro documento económico enmarcado no novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego (SUG) para o período 2016-2020, que tamén foi abordado e onde o vicerreitor informou dos cambios introducidos no modelo de financiamento dos centros propios da institución académica e do teito de gasto da Universidade para o vindeiro exercicio, que se sitúa “moi prudentemente”, como sinalou Pedrosa, nos 176,5 millóns de euros.

A participación da Universidade na Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia ou o proceso que vén de iniciarse para o cambio de nome da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas, que pasaría a denominarse Escola de Enxeñaría de Minas e Enxería, foron outros dos asuntos incluídos na orde do día dunha sesión plenaria na que tamén se procedeu á aprobación do orzamento do propio Consello Social para 2016, que se mantén un ano máis nos 370.000 euros, unha contía que Pedrosa cualificou como “suficiente e adecuada para acometer con garantías os seus diferentes cometidos”

Te puede interesar
Más en Universitas