UNIVERSITAS

Constátase o polimorfismo das libélulas das selvas amazónicas

gal2_result
photo_camera O profesor da EE Forestal, Adolfo Cordero, na selva amazónica do Perú, onde se levou a cabo o traballo de campo.

O estudo, no que participou o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero, permitiu detectar tamén diferenzas xenéticas entre especies fisicamente moi similares

Animais que a pesares de seren moi diferentes fisicamente forman parte da mesma especie e exemplares aparentemente idénticos que son distintos a nivel molecular. Iso foi o que atopou un grupo de investigadores de cinco países no estudo que realizaron do grupo de libélulas Polythore que se poden atopar na selva amazónica do Perú. Un estudo que reuniu a expertos de Estados Unidos, Alemaña, Bélxica, Canadá e España e que naceu en 2008 dunha iniciativa do grupo de investigación EcoEvo, que dirixe o profesor da EE Forestal Adolfo Cordero.

A investigación que iniciaron hai sete anos permitiu constatar o polimorfismo deste xénero de libélulas, que só se poden atopar nas selvas tropicais de América Latina, o que implica, como recoñece Cordero, “que será preciso redefinir o mapa de especies”. 
Dentro das 6.000 especies de libélulas que existen no mundo, as Polythore constitúen un grupo “pouco coñecido”, respecto do que “se sospeitaba que algunha especie podía ser polimórfica”, como apunta Cordero, que explica que moitas das especies foron descritas a principios do século XX ou mesmo a finais do XIX, “cando aínda non se tiña acceso ás técnicas moleculares”.

De aí que a análise morfolóxica e xenética realizada de 21 morfotipos de Polythore lles permitise obter “unha demostración clara” dese polimorfismo, animais con grandes diferenzas na coloración das súas ás eran da mesma especie. Mais a análise xenética realizada tamén lles levou a atoparse co “fenómeno contrario”.

Te puede interesar
Más en Universitas