UNIVERSITAS

Cosmética natural, agricultura ecolóxica e edición de libros, novos obradoiros

cartel_obradoiros_a3_result
photo_camera Cartaz dos obradoiros do primer cuadrimestre.

Ofértanse nove actividades, incluíndo fotografía, guitarra ou presentación de traballos

Natureza e creatividade vertebran o bloque central de obradoiros para o primeiro cuadrimestre da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, cunha oferta que comprende agricultura ecolóxica, cosmética natural, teatro, guitarra, edición de libros ou fotografía. O prazo de matrícula, aberto para a comunidade universitaria e para o público en xeral, arrancou o luns e comprende nove actividades, tres delas novas para este curso 2015-2016 e outras que, pola súa aceptación e demanda, continúan a impartirse.

As novidades apostan claramente pola natureza e a ecoloxía. Por unha banda, estrearase un obradoiro de cosmética natural aproveitando a contorna, que comprende tanto saídas de campo na procura e identificación das plantas como traballo de interior para a elaboración dos produtos ecolóxicos. Os participantes poderán coñecer cales son as especies idóneas para cada obxectivo, onde se atopan e como é o proceso de elaboración para obter cremas, desodorizante, bálsamos, xabóns para hixiene, produtos de limpeza para a casa, tinturas, barras de labios ou mesmo pasta de dentes. Este curso arrancará o 8 de outubro e ten 30 horas de duración que se impartirán nas tardes dos xoves.

Outro dos obradoiros que se imparten neste cuadrimestre por primeira vez está tamén relacionado coa natureza e ofrece un achegamento á agricultura ecolóxica. O obxectivo é ofrecer ao alumnado unha visión xeral, pero tamén que poidan coñecer os mecanismos e método empregados e adquiran coñecementos tanto teóricos como prácticos para o cultivo ecolóxico. Este obradoiro, impulsado coa colaboración da Xunta de Galicia, Intermon Oxfam e Amigos da Terra, afondará en conceptos como compostaxe, rotación e asociación de cultivos, sementes e plantas, biodiversidade e fauna auxiliar, pragas e enfermidades, preparados vexetais, a xestión da auga e a horticultura urbana. As clases teóricas desenvolveranse no Edificio de Ciencias Experimentais nas tarde dos martes a partir do 6 de outubro.

A terceira novidade do programa para este curso é o obradoiro de creación e edición de libros de artistas, un taller que permitirá identificar técnicas manuais sinxelas de encadernación e impresión para un proxecto editorial de pequena escala. O obxectivo fundamental será ofrecer coñecementos básicos sobre a compresión do libro de artista e os pasos necesarios para a súa realización. Por iso, o taller terá contidos eminentemente prácticos tanto de maquetación e imposición de páxinas como de cubertas e composición final.

A avaliación final consistirá na creación dun libro de artista empregando as distintas posibilidades técnicas e artísticas aprendidas ao longo do obradoiro. Para a realización de cubertas utilizaranse tapas de cartón procedentes das caixas desbotadas da Facultade de Filoloxía e Tradución manipuladas artisticamente a través de distintas técnicas manuais de impresión ou encadernación. O obradoiro desenvolverase en horario de tarde, os martes e xoves, a partir do 15 de outubro.

Te puede interesar
Más en Universitas