UNIVERSITAS

Desprazamentos sobre a gran pantalla ata o mes de decembro

gal1 (2)_result
photo_camera 'Estación do Norte' poderá verse o 24 de setembro.

Trece películas e dous relatorios integran o programa desta actividade aberta á cidadanía

Da vagabundaxe aos movementos migratorios, pasando por “itinerarios físicos dos que non coñecemos as motivacións e que en moitos casos son unha metáfora do estado mental ou psicolóxico das personaxes”, son moitos os camiños polos que a idea do desprazamento, “algo inherente ao ser humano”, se viu reflectida na sétima arte.

Así o destaca o crítico Suso Novás, coordinador do ciclo de cine Onde vas?, co que a Vicerreitoría do campus propón un amplo achegamento á idea do movemento na sétima arte. Trece películas e dous relatorios, “unidas por un fío condutor tan polisémico como é a idea de desprazamento”, integran o programa desta actividade aberta a toda a cidadanía, que a Vicerreitoría desenvolve coa colaboración do Instituto Francés de Cine e o Instituto Ghoete alemán.

Trala proxección, o pasado venres, de O emperador do Norte, de Robert Aldrich, o ciclo continúa hoxe coa proxección, ás 19.30 horas, de Meu Idaho privado, de Gus Van Sant, “un dos cineastas que mellor retrata a idea do vagabundeo”, como salienta Novás, que engade que este “heteroxéneo ciclo” foi articulado co propósito de “combinar películas clásicas e contemporáneas”, así como coa idea de ofrecer á cidadanía a posibilidade de contemplar “películas pouco coñecidas ou que mesmo non se estrearon en salas comerciais”.

Ese é o caso de Estación do Norte, un filme de Claire Simon, estreado en Francia en 2013 e que en España só se exhibiu en festivais polo de agora. Grazas á colaboración do Instituto Francés de Cine, o xoves 24 poderá verse na sede do Vicerreitoría do campus esta película.

Xa a partires de outubro, Onde vas?, que forma parte da programación de outono da Vicerreitoría, desenvolverá todas as súas sesións nun mesmo horario, os venres ás 19.30 horas, comezando o día 2 con Home sen fronteiras, un filme de Peter Fonda, mentres que o venres 16 poderá verse na Casa das Campás Alicia nas cidades, de Wim Wenders.

Pickpocket, de Robert Bresson, constituirá, o venres 23, a seguinte entrega dun ciclo que pechará outubro cun relatorio do propio Novás sobre como “a partires dos anos 50, diferentes cineastas relacionan esa idea de desprazamento cunha complexidade psicolóxica que previamente non se desenvolvera no cine convencional”.

Cun “clásico do cine alemán”, como é Unha muller sen historia, de Alexander Kluge, continuará este ciclo o 6 de novembro para, unha semana despois, acoller a proxección de Life Aquatic. O ciclo acollerá o 20 de novembro a proxección de Estrada asfaltada en dúas direccións, de Monte Helman. Por último, novembro pecharase o xoves 27 cun relatorio do crítico de cine e xefe de programación do CGAI, Jaime Pérez Pena, quen abordará A deriva e a vagabundaxe no cinema contemporáneo.

Xa o 4 decembro, Onde vas? acollerá a proxección de Os valentes andan sós, un western de David Miller, e, unha semana despois, a película de Michelangelo Antonioni Blow Up. Por último, o venres 18, estas xornadas despediranse con Punto límite: cero, unha película de Richard C. Sarafian.

Te puede interesar
Más en Universitas