Divulgare implícase de novo contra os vertidos marítimos accidentais

Os investigadores vigueses crearán material divulgativo e didáctico para a planificación e adestramento

O grupo de investigación Divulgare volve a implicarse nun proxecto europeo de loita contra os vertidos marítimos accidentais, desta volta de substancias químicas. Tras a experiencia acumulada nos proxectos Arcopol, para a planificación, adestramento e resposta contra vertidos de hidrocarburos, os científicos universitarios inician agora unha nova andaina no proxecto Mariner (Enhancing HNS preparedness through training and exercising) que, coordinado polo Cetmar, se desenvolverá ata decembro de 2017.

O seu obxectivo é mellorar a capacidade de resposta ante vertidos químicos mediante o desenvolvemento de plans de adestramento e resposta coordinados entre distintas rexións da Europa atlántica, como Reino Unido, Francia, España e Portugal. Trátase de mellorar a cooperación rexional na planificación, preparación e resposta a derrames de substancias nocivas e potencialmente perigosas (SNPP), formando e sensibilizando e potenciando a transferencia dos resultados de I+D. Co-financiado pola Comisión Europea a través da Dirección Xeral de Axuda Humanitaria e Protección Civil, xunto co Cetmar e a Universidade de Vigo, están implicados neste proxecto o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar); o Servizo de Gardacostas de Galicia; o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (Ciimar) da Universidade de Porto; o Centre de Documentation, de Recherche et d’Expérimentations sur les Pollutions Accidentelles des Eaux (Cedre) de Francia; a compañía lusa Action Modulers e Public Health England (PHE).

O profesor Luis Navarro, coordinador de Divulgare, explica que despois de traballar durante varios anos coa serie de proxectos Arcopol, centrados nos vertidos accidentais de hidrocarburos, “démonos conta de que a preparación para a loita contra os vertidos químicos (Hazardous and Noxious Substances) está moito peor definida que a loita contra vertidos de petróleo”.

Te puede interesar
Más en Universitas