UNIVERSITAS

Dúas décadas de apostas polas artes escénicas

_gal1_result
photo_camera A Miteu arrancou o pasado xoves nas rúas da cidade de Ourense cunha reflexión sobre o tempo.

A Miteu propón 35 actividades con 27 espectáculos teatrais

É tempo de teatro en Ourense. A Aula Universitaria de Ourense Rosaura arrancou a XX Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense levando ás rúas do centro da cidade unha reflexión sobre o tempo que se nos escapa e que nos rouban outros. 20 anos despois dos seus inicios, a Miteu volve para encher os escenarios de bo teatro e as butacas de fieis espectadores dunha cita que xa se ten convertido nun referente da programación cultural galega.

A mostra traerá 35 actividades entre as que haberá 27 espectáculos teatrais de compañías de nove países e catro continentes, con grupos de Irán, Cabo Verde, Honduras, Estados Unidos, Brasil, Bélxica e Portugal. Haberá propostas teatrais tradicionais, pero tamén teatro infantil, de rúa, microteatro, danza, proxeccións, formación e moita máis programación.

O campus tamén participará nesta edición acollendo varias das actividades da Miteu. Así, a Sala Emilia Pardo Bazán, no Edificio de Ferro, foi o  escenario de dous pases das representacións Hotel Las Vegas, de Teatro El Mayal de Castela e León, Diario dos infieis: diarios, da portuguesa Asta Teatro será mañá; e de Salas de espera, de Corifeo Teatro da Coruña, o día 27. Nesta mesma sala o vindeiro mércores 29 proxectarase Access to the Danger Zone, un documental de Médicos Sen Fronteiras. Por último, o Edificio Politécnico acollerá unha master class de Leo Bassi.

Te puede interesar
Más en Universitas