FINANCIAMENTO

Ecobas acada financiamento por valor de 500.000 euros

Imaxe da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
photo_camera Imaxe da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

135 investigadores integran a Agrupación Economics and Business Administration for Society, primeira corporación estratéxica do ámbito xurídico-social en acadar subvención autonómica.

Todo comezou hai aproximadamente medio ano cando a Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da Universidade de Vigo invitou aos investigadores principais dos grupos de Economía e Empresa da institución académica a coordinarse, co obxectivo de concorrer ás convocatorias de axudas para agrupacións estratéxicas coas que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria busca impulsar a competitividade e a calidade da investigación nas universidades galegas.

11 grupos de investigación de Economía e Empresa da Universidade de Vigo e un da Universidade de A Coruña, baixo a coordinación do catedrático vigués Carlos Hervés, fixeron súa a proposta da vicerreitoría e constituíron a Agrupación Economics and Business Administration for Society, Ecobas, que vén de converterse na primeira agrupación estratéxica do ámbito xurídico-social en acadar as axudas autonómicas destinadas a fomentar as estratexias de cooperación entre os grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia.

Foron nove as propostas das tres universidades galegas que concorreron este ano ás axudas ás agrupacións estratéxicas do SUG, pero solo catro foron seleccionadas, tal e como reflicte a resolución publicada no DOG, entre elas Ecobas, da Universidade Vigo. A cada unha, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria outórgalle 500.000 euros en tres anualidades co obxectivo de dotalas dun financiamento co que desenvolver investigación en campos estratéxicos para Galicia.

Te puede interesar
Más en Universitas