UNIVERSITAS

Encontro na Illa de San Simón da Rede Galega de Biomateriais

pag3_result
photo_camera O grupo de investigadores e investigadoras que participaron recentemente no foro celebrado na illa de San Simón.

A comunidade científica especializada celebrou durante un día enteiro de traballo 
un foro no que participaron investigadores de España e Portugal

As propiedades de substitución e reparación dos biomateriais en tecidos humanos deteriorados, tales como articulacións ou ósos, xa comezan a ser populares, pero os esforzos da comunidade investigadora van moito máis aló, incentivados polo enorme potencial destes novos materiais e as tecnoloxías que os rodean. A función antibacteriana dos vidros bioactivos, as posibilidades das nanopartículas de sílice como transportadoras de fármacos ao núcleo da enfermidade, as terapias celulares para atallar a reuma ou as tecnoloxías láser aplicadas á detección precoz de caries dentais son só algúns dos avances explorados polos grupos de investigación da Rede Galega de Biomateriais, que se reuniron na Illa de San Simón para compartir o coñecemento derivado dos seus traballos máis recentes.


O II Foro da RGB xuntou durante unha xornada enteira de traballo non só aos membros desta agrupación científica, senón tamén a outros especialistas de España e Portugal, ademais de 12 investigadores novos que contaron con roldas rápidas de tres minutos para dar a coñecer as súas incipientes liñas. Durante o encontro foi presentado o libro Biomateriais: deseño, produción e caracterización, no que se aglutinan achegas de áreas tan diversas como a medicina, a enxeñería, a veterinaria, a bioloxía e outras ciencias básicas como a física, a química e a ciencia de materiais. Gran parte das ponencias realizadas durante o foro desgranaron as investigacións recollidas neste libro, co obxectivo de facilitar o intercambio de coñecemento entre os autores e tamén con outros investigadores e mesmo abrir novas liñas de colaboración interdisciplinar.
procesos de fabricación.


A nanotecnoloxía e a tecnoloxía láser están abrindo novos horizontes para a fabricación de materiais capaces de promover procesos terapéuticos. Neste eido, Miguel Ángel Correa, do Departamento de Química Física da Universidade de Vigo, presentou as nanocápsulas de sílice como solventes transportadoras de medicamentos que presentan problemas de eficiencia coas actuais fórmulas de administración. É o que ocorre por exemplo con certas vacinas e anticanceríxenos, que entre outras cousas non chegan a cumprir o seu cometido porque se eliminan moi rápido do organismo.


Félix Quintero, do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, expuxo as novas técnicas láser aplicadas á fabricación de redes de nanofibras de vidros activos, “as estruturas máis adecuadas para a rexeneración de tecidos duros como os ósos”, pola súa capacidade de promover a osteointegración dos implantes e de liberar compoñentes activos dentro do óso. Os vidros bioactivos son tamén obxecto de investigación no Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago, pero para explorar as súas propiedades antibacterianas.

Tal e como explicou Magdalena Echezarreta, “o seu potencial en odontoloxía baséase na súa capacidade para rexenerar o óso, a dentina e a apatita do esmalte, pero teñen tamén efecto sobre os microorganismos orais, de maneira que por exemplo poden ser usados como desinfectantes dentais tópicos”. Ademais, estes materiais engaden actividade antibacteriana á súa función estimuladora do crecemento do óso no tratamento de osteomielite (infección ósea) e presentan utilidade no tratamento de feridas crónicas aplicando nanofibras de vidro a apósitos e vendaxes.

Te puede interesar
Más en Universitas