Enxeñarías e ADE-Dereito copan os Premios á Excelencia Académica

A Universidade de Vigo recoñece, nun acto, o talento e esforzo do alumnado de novo ingreso con mellor expediente

O alumnado de novo ingreso con mellor expediente académico decántase nun ampla maioría por estudar enxeñaría, en calquera das súas múltiples versións ou o Programa de Simultaneidade de Administración e Dirección de Empresas e Dereito. Foi a opción elixida por preto do 70% das 45 alumnas e alumnos de novo ingreso que recibiron o Premio á Excelencia Académica do curso 2015-2016, un galardón que lles chega en forma de iPad e co que a Universidade quere premiar o talento e esforzo que amosaron en toda a súa etapa de ensino secundario.

Recibidos polo reitor, Salustiano Mato, que os animou a levar “con orgullo” o nome da Universidade de Vigo alá onde desenvolvan o seu futuro profesional, e a vicerreitora de Estudantes, Dolores González, e acompañados en moitos casos por docentes dos seus respectivos institutos e mesmo por algúns familiares que non quixeron perderse un intre tan especial, un a un foron recollendo os seus respectivos premios.

“Sodes unha representación do mellor do noso alumnado e de vós esperamos tamén o mellor, que non consiste só en que consigades unhas notas brillantes, como as que xa tendes, senón tamén que sexades exemplo e estímulo para todos nós”, subliñoulles a vicerreitora de Estudantes, que fixo tamén fincapé na responsabilidade da propia Universidade para “formarvos axeitadamente e seguir potenciando a vosa capacidade de traballo para que nuns anos sexades vós os líderes e os protagonistas dos cambios que esixe a sociedade”.n

Te puede interesar
Más en Universitas