UNIVERSITAS

Estudantes da UVigo participan no Plan Joven de Seguridad Vial

g1-2-_result
photo_camera Un momento dunha das simulacións.

Michelín enche Miralles de simulacións para fomentar entre os xóvenes

1.131 persoas perderon a vida nos 981 accidentes ocorridos nas vías interurbanas españolas no ano 2014. Outras 4.874 resultaron feridas de diversa consideración. Aínda que respecto do ano anterior rexistrouse un mínimo descenso, as cifras de sinistralidade seguen a ser un dos principais cabalos de batalla das administracións, que teñen na prevención e na sanción as principais armas para combater este problema. Conscientes de que a mocidade é o sector da poboación con máis risco de sufrir un sinistro, o Grupo Michelín despregou ata hoxe na praza Miralles o seu Plan Joven de Seguridad Vial co obxectivo de que o estudantado da Universidade de Vigo poda experimentar en primeira persoa as consecuencias de non respectar as normas de tráfico. Valéndose dun simulador de envorcado, gafas de simulación de alcohol, un test de condución a través do que descubrir a importancia da presión dos pneumáticos e de circular a unha velocidade correcta e mesmo un Scalextric, Michelín recrea unha serie de situacións que evidencian a importancia de respectar as normas de circulación.

“Con este plan pretendemos chegar á mocidade dun xeito directo, cunha linguaxe sinxela e adaptada para que sexan conscientes dos riscos que supón a seguridade, porque ao volante hai que ter a cabeza enriba dos ombros”, asegurou Félix Sanchidrián, director de comunicación e RSC de Michelín, no percorrido que realizou polas carpas que albergan as simulacións e no que estivo acompañado por Manuel Fernández, vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais; Antonio Coello, subdelegado do Goberno; Mª José Bravo Bosch, delegada territorial da Xunta e Francisco Martínez, xefe da Policía Local de Vigo.

Te puede interesar
Más en Universitas