GALARDÓN

A ETS de Enxeñaría de Minas, Premio Santa Bárbara 2014

“Este ano viñeron á Semana da Ciencia 35 grupos de visitantes de toda Galicia e outros 27 centros de ensino preuniversitario", subliña o subdirector da escola

O labor divulgativo desenvolvido durante anos con motivo da Semana da Ciencia valeulle á Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas o Premio Santa Bárbara 2014, un galardón outorgado pola Cámara Oficial Mineira de Galicia no decurso da celebración por parte do sector mineiro galego da súa patroa. O director da escola Benito Vázquez foi o encargado de recoller en Santiago de Compostela o galardón, unha figura de Santa Bárbara elaborada por Sargadelos e un diploma acreditativo.

O xurado dos premios acordou concederlle á ETSE de Minas o Premio Santa Bárbara 2014 na modalidade de Comunicación por todo o que dende este centro se leva feito a prol do achegamento da sociedade ao traballo desenvolvido polos profesionais da enxeñería de minas e, máis concretamente, pola Semana da Ciencia, unha actividade que na súa última edición, o pasado mes de novembro, contou coa participación de máis de 1.200 persoas que tiveron a oportunidade de coñecer máis de preto o aproveitamento sustentable dos recursos minerais e enerxéticos que realizan os titulados da escola.

Dende o xurado, presidido polo presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan de Dios Martín Aparicio, valorouse especialmente que a Semana da Ciencia permítelle aos asistentes afondar de xeito activo no labor da ETSEM, a través de espazos divulgativos e de aprendizaxe instalados no centro, ao tempo que toman conciencia da relevancia da minaría para a poboación. Ademais, neste ano, como prolongación do evento, creouse unha aplicación denominada A carreira con máis recursos, co obxectivo de concienciar sobre a importancia de preservar os recursos naturais.

“Este ano viñeron á Semana da Ciencia 35 grupos de visitantes de toda Galicia e outros 27 centros de ensino preuniversitario non tiveron a oportunidade de asistir ao non acadar unha quenda axustada as súas necesidades”, subliña o director da escola, ao que engade que “ademais destas mozas e mozos recibimos tamén a un numeroso grupo de alumnado do Programa de Maiores da Universidade cun salientable interese e grao de participación”.

Co premio na man o director da escola e principal impulsor da iniciativa pensa xa no 2015 cando se celebrará a novena edición da iniciativa e “cando, se non hai novidades, recibiremos xa o visitante número 10.000”

Te puede interesar
Más en Universitas