UNIVERSITAS

Expertos afirman que o 24M provoca un “cambio de ciclo político”

gal1 (2)_result
photo_camera López Mira, Cordal, Cancela e Varela.

Profesorado do Observatorio da Gobernanza G3 analizou o resultado das eleccións na Casa das Campás

 A perda de votos dos dous grandes partidos, PP e PSOE, nas eleccións municipais e autonómicas deste domingo, sumados á irrupción de novos actores políticos, converteron o 24M nunha mostra dun “cambio de ciclo político” que está a rachar co modelo bipartidista. Cando menos iso é o que conclúen dos resultados destes comicios os profesores da Área de Ciencia Política e da Administración–Observatorio da Gobernanza G3 Álvaro López Mira, Enrique Varela e Constantino Cordal, que hai uns días debullaron os resultados das eleccións do domingo na Casa das Campás. Nunha mesa de debate que levaba por título Da vella á nova política? puxeron sobre a mesa o “cambio de cultura política do electorado”, polo que unha parte dos votantes opera máis en base a valores a ideas transversais que con parámetros ideolóxicos.


“Estamos ante un cambio de ciclo político porque hai un cambio de necesidades, de axenda e de estilo”, apuntou Varela nunha mesa redonda que foi presentada polo vicereritor do campus, Juan Manuel Corbacho, que destacou o valor de iniciativas como esta á hora de achegar o labor que se fai no campus á cidadanía, e moderada polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Celso Cancela. Unha mesa na que Varela puxo o acento en que a ideoloxía era un elemento “fundamental dos vellos partidos políticos, mentres que os novos, que poden estar se acaso articulando unha ideoloxía futura, móvense por elementos transversais en torno a valores e a ideas”. Na mesma liña, López Mira apuntou tamén que o balance destas eleccións é “un cambio evidente do modelo bipartidista”, dada a entrada de novos actores como Podemos ou Ciudadanos, no caso das autonómicas, ou das 'mareas' nas municipais. “Asistimos a un cambio de ciclo que se vai confirmar nas eleccións xerais de novembro e nas subseguintes eleccións autonómicas galegas”, augurou este profesor do grao en Dirección e Xestión Pública.

Te puede interesar
Más en Universitas