Expertos en emprendemento e emprego citaranse en Vigo

weekgal_result
photo_camera Cartaz das xornadas que se celebrarán do 25 ao 29 de abril.

A vindeira semana celébrase a V International Administrative and Teaching Staff Training Week

A International Administrative and Teaching Staff Training Week naceu en 2010 co obxectivo de crear unha cultura de intercambios e que o persoal administrativo da Universidade de Vigo comezase a pensar en clave internacional. Nas catro anteriores edicións abordáronse temas como as tecnoloxías da información e comunicación, o deporte, a internacionalización das institucións académicas e o multilingüismo. Seis anos despois estas xornadas abordarán o emprego e o emprendemento e nelas daranse cita 50 expertos e profesionais de 15 países. A semana internacional desenvolverase do 25 ao 29 de abril organizada pola Área de Emprego e Emprendemento e a Oficina de Relacións Internacionais e, ao longo de cinco días, debateranse temas como a inserción laboral do alumnado e o desenvolvemento do espírito empresarial.

O director da Área de Emprego, Alejandro Martínez, explica que este evento responde a dous obxectivo principais. Por unha banda, trátase de mellorar as competencias dos profesionais que traballan no eido do emprego tanto na Universidade de Vigo como no resto das participantes, mellorando ao mesmo tempo as oportunidades de desenvolvemento profesional dos participantes. Por outra banda, esta semana internacional serve para “incrementar a dimensión internacional” das institucións académicas, “o que facilitará a creación de redes de contactos e reforzará a posibilidade da creación de sinerxías que sirvan de base para proxectos conxuntos no futuro”.

A semana está dirixida tanto a persoal de administración e servizos como a docentes de universidades e institucións de educación superior dos países participantes no programa Erasmus+ e participarán en total 50 profesionais de 40 institucións, pertencentes a 15 países europeos (Bélxica, Estonia, Finlandia, Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Lituania, Holanda, Polonia, Portugal, Romanía, Eslovenia, Turquía e Reino Unido).

O responsable da organización explica que “o programa dividirase en catro paneis que abordarán, dende unha perspectiva internacional, aspectos determinados de campos moi xerais e abertos ao debate e intercambio de ideas como son o emprendemento, a intermediación laboral, a orientación laboral ou as prácticas académicas externas”.n

Te puede interesar
Más en Universitas