Universitas

Falando do pasado da auga e do futuro da sociedade

Universitas

III CONGRESO AUGA

Falando do pasado da auga e do futuro da sociedade

Rosendo Fernández, Jesús Vázquez, Manuel Reigosa, Susana Reboreda e Esther de Blas na inauguración.
photo_cameraRosendo Fernández, Jesús Vázquez, Manuel Reigosa, Susana Reboreda e Esther de Blas na inauguración.

Esta edición centrouse no eido da historia, a xeografía e a arte

No marco do seu proxecto de especialización como Campus da Auga, o campus de Ourense acolleu o III Congreso Internacional da Auga. A cita, que nesta ocasión tivo por lema Auga, sociedade e territorio e estivo centrada no eido da historia, a xeografía e a historia da arte, manexa cifras de 80 comunicacións e pósters de expertos e expertas procedentes de oito países e arredor de 150 asistentes. “A auga é un ben valiosísimo e escaso e co paso do tempo serao máis. Na súa xestión somos debedores dun pasado que debemos coñecer e ter moi presente para contribuír a un futuro mellor, sobre todo tendo en conta as ameazas que se albiscan no horizonte”, subliñaron as coordinadoras do congreso.

A organización deste terceiro congreso bianual, que contou co patrocinio do Concello de Ourense e a Deputación de Ourense, correu a cargo da Facultade de Historia e de membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, Geaat, da Universidade de Vigo, tendo como coordinadoras a Susana Reboreda, decana desta facultade, e a Silvia González, investigadora Torres Quevedo do Geaat. Na inauguración da cita Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, salientou como na actualidade “visualizamos un gran futuro para o campus de Ourense e gran parte dese futuro ten que ver coa aposta estratéxica do Campus da Auga”.

Esta especialización, con froitos como este congreso internacional, o seu programa de doutoramento e no futuro novas titulacións que poidan implantarse vinculadas a ela, apuntou o reitor, fará “que o capital humano que vamos a ter no campus relacionado coa auga vai ser de primeira magnitude”, convertendo ao campus de Ourense “nun campus de primeira división”. Durante a súa intervención Reigosa adiantou ademais como “estamos traballando coa Xunta de Galicia para que o campus de Ourense se aproveite da capacidade de xeotermia que ten o territorio” e se converta nun referente neste aspecto.