CONVENIO

Formación no uso dos teléfonos intelixentes

FEGAUS e Vodafone formarán 1.000 estudantes dos programas de maiores.

A Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior vén de asinar un convenio coa Fundación Vodafone para colaborar na impartición de obradoiros formativos no uso de teléfonos intelixentes ou smartphones en Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro Ágora, un proxecto das asociacións de estudantes dos programas de maiores para crear un ecosistema de aprendizaxe pioneiro que axude a democratizar o acceso do alumnado sénior ao coñecemento e comprende unha canle de Tv, unha biblioteca dixital nacional e unha revista electrónica e impresa.

Na sección Ágora Tecnoloxía inclúense, grazas a este acordo, cursos que darán formación a 1.000 persoas maiores no uso dos novos teléfonos móbiles e o acceso a Internet dende estes dispositivos. Alejandro Otero, presidente de Fegaus, explica que o apoio de Vodafone é básico para poder sacar adiante este proxecto, para poder acercar estas novas tecnoloxías aos estudantes dos programas de maiores de toda Galicia. “Presentámoslle a nosa Ágora e co apoio da Universidade conseguimos que se implicasen no proxecto e que nos achegasen o financiamento preciso para levar estes cursos polos sete campus das tres universidades galegas”.

A iniciativa xorde da necesidade dos estudantes sénior de actualizar os coñecementos tecnolóxicos, xa que a aparición dos smartphones está xerando unha nova contorna de comunicación que as persoas maiores precisan asimilar para poder beneficiarse de servizos que lles axudarán a vivir cunha maior autonomía e independencia. E é que a finalidade de Fegaus é precisamente promover a participación e a divulgación dos programas de Maiores das tres universidades galegas así como as actividades culturais e deportivas e fomentar a formación universitaria dos maiores.

Os talleres, un total de sete, desenvolveranse entre os meses de novembro e marzo de 2016. De catro horas de duración, transmitiranse en directo a través de internet para a súa maior difusión dentro do colectivo. Permitirán aos asistentes coñecer as diferentes posibilidades que ofrecen estes dispositivos, aprender a empregalos, ampliar as utilidades e aplicacións e adaptalas aos gustos e preferencias de cada un, pero pensando especialmente no contacto con familiares e amigos e na mellora da calidade de vida dos maiores.

Te puede interesar
Más en Universitas